Inicio / Noticias / A Xunta adxudica as obras de mellora de seguridade viaria en 11 pasos de peóns da estrada PO-325, nos concellos de Vigo e Nigrán
27/11/2019 - 02:05

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, vén de adxudicar as obras de mellora de seguridade viaria en 11 pasos de peóns da estrada PO-325, nos Concellos de Vigo e Nigrán.

Os traballos foron adxudicados á empresa Elipse Gráfica S.L. por un investimento de máis de 47.000 euros. A Xunta prevé iniciar estas obras a finais deste ano ou comezos do vindeiro exercicio.

As actuacións consistirán na substitución da sinalización vertical actual por unha sinalización luminosa led fotovoltaica accionada con interruptor, en ambos os dous sentidos.

Tamén se levará a cabo a disposición de iluminación adicional sobre a sinalización vertical nova. Esta iluminación consistirá nun proxector en cada sinal, que se poñerá en funcionamento unha vez se accione o interruptor.

Esta intervención tamén incluirá a instalación de balizas de asfalto led, vinculadas tamén á presenza de peóns.

O Goberno galego, mediante estas actuacións, busca protexer aos usuarios vulnerables das estradas como os peóns, facéndolles máis perceptibles estes pasos aos vehículos e aumentando así a seguridade viaria na contorna.