Inicio / Noticias / A Xunta adxudica as obras de mellora de seguridade viaria na estrada PO-308, entre o miradoiro da Granxa e o acceso a Nanín, en Sanxenxo, cun investimento de máis de 420.000 euros
15/06/2019 - 13:36

Santiago, 15 de xuño de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras de mellora da seguridade viaria na estrada PO-308, entre o miradoiro da Granxa e o acceso a Nanín, no Concello de Sanxenxo, cun investimento de máis de 420.000 euros.

Os traballos, adxudicados á empresa Construcciones Taboada y Ramos S.L, levaranse a cabo a partir setembro para non afectar ao tráfico en época estival e terán un prazo duns 6 meses.

Trátase dun proxecto que define as actuacións para a mellora da seguridade viaria nun treito de concentración de accidentes, redactado no marco da estratexia que está a desenvolver a Xunta para eliminar os chamados “puntos negros” na rede autonómica de estradas.

As actuacións desenvolveranse no tramo da PO-308 comprendido entre o punto quilométrico 12+450, despois do miradoiro da Granxa, e o punto quilométrico 15+200, antes de chegar a Nanín. As actuacións previstas no tramo consistirán na construción dunha glorieta na intersección do punto quilométrico 13+760 coa estrada provincial de acceso á praia de Areas. Neste punto existe un cambio de sentido con carril central de espera que non ten eliminado a accidentalidade da intersección.

Desde o punto quilométrico 12+760 ao 13+700, na zona da curva dos Cotos, renovarase o firme, reforzarase a sinalización e balizamento e os sistemas de contención.

Ademais, ampliarase a plataforma da estrada para acondicionar as paradas de bus existentes no treito, para evitar que os autobuses interfiran o tráfico durante as paradas. Executarase algún pequeno tramo de senda peonil no espazo ocupado pola cuneta desde as paradas de bus ata o paso de peóns máis próximo.

Tamén se modificarán as beirarrúas existentes nas interseccións do tramo para adaptalas á normativa de accesibilidade e reforzarase a sinalización de limitación de velocidade e nos pasos de peóns para facilitar a súa percepción.

Cabe salientar que tras a información pública se introduciron no proxecto pequenas modificacións para atender as solicitudes das asociacións de ciclistas, tendo en conta que o treito obxecto da actuación forma parte dunha ruta ciclista cualificada coma protexida pola Dirección Xeral de Tráfico. Neste sentido, sinalizarase a presenza de ciclistas no tramo e substituiranse os fitos de aresta inicialmente previstos nas interseccións para evitar o aparcamento pola ampliación da beirarrúa nos cruzamento.

No marco desta estratexia para a supresión de tramos de concentración de accidentes nas vías autonómicas, tamén está en execución outra actuación na estrada PO-308, nos concellos de Poio e Sanxenxo, coa que se prevén obras similares entre O Covelo e o miradoiro da Granxa.

Estas actuacións súmanse ao conxunto de obras planificadas para mellorar a seguridade viaria na estrada PO-308 nos concellos de Sanxenxo e Poio, cun investimento total de 17 millóns de euros.