Inicio / Noticias / A Xunta adxudica as obras de mellora do firme en 5 estradas autonómicas ao seu paso polas comarcas do Eume e Betanzos, cun investimento de case 625.000 euros

A Xunta adxudica as obras de mellora do firme en 5 estradas autonómicas ao seu paso polas comarcas do Eume e Betanzos, cun investimento de case 625.000 euros

14/04/2018 - 13:27

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2018.- A Consellería de Infraestruturas e Vivenda vén de adxudicar as obras de mellora do firme en varias estradas autonómicas ao seu paso polas comarcas do Eume e de Betanzos, cun investimento de case 625.000 euros.

Estes traballos, que comezarán en maio, foron adxudicados á empresa Canarga S.L., cun prazo de execución de catro meses.

Trátase das actuacións de reforzo de firme localizado nas estradas VG-1.2, AC-121, AC-144, AC-151 e AC-563, nos Concello de Irixoa, Vilarmaior, Mugardos, Neda, Aranga, A Capela, Monfero, Pontedeume, Ares, Fene.

O obxectivo deste contrato é rehabilitar o firme naqueles treitos destas estradas que presentan carencias. Ademais, en todas as estradas obxecto das obras, limparanse as marxes e os elementos de drenaxe, reperfilaranse as cunetas e melloraranse as arquetas.

Plan de reforzos de firmes

A Xunta, coa execución deste tipo de traballos, continúa co desenvolvemento do Plan de Reforzos de Firme, que nos Orzamentos para 2018 incrementa de modo moi importante a súa dotación de 15 a 20 millóns de euros.

O Goberno galego segue a traballar no obxectivo prioritario de conservar a rede viaria autonómica en óptimas condicións coa fin de incrementar a seguridade viaria e proporcionar aos usuarios unhas vías cómodas que melloren a súa calidade de vida, potenciando o desenvolvemento económico e social dos municipios galegos.

A Consellería de Infraestruturas está a realizar importantes esforzos en materia de conservación de estradas, con actuacións que non só se limitan ás tarefas ordinarias de conservación, senón que ademais se complementan con obras de conservación extraordinarias.