Inicio / Noticias / A Xunta adxudica as obras de renovación da tubaxe de drenaxe na estrada autonómica PO-551 ao seu paso por Bueu
27/05/2020 - 03:51

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2020.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras de renovación da tubaxe de drenaxe na estrada autonómica PO-551, no punto quilométrico 10+350, ao seu paso polo concello de Bueu.

Esta intervención, adxudicada á empresa Construcciones Rafer S.L por uns 30.000 euros, ten un prazo de execución de 1 mes e comezará nas vindeiras semanas.

No ano 2018 actuouse neste punto da vía, ante un afundimento na estrada provocada polas perdas dunha antiga condución. Nese momento, reconstruírase a obra de canalización dun regato e o cruce baixo a estrada, mediante a colocación dun tubo de 120 centímetros de diámetro.

Con esta nova actuación, aténdese a solicitude dunha comunidade de veciños para evitar a suba do nivel freático no soto dun edificio próximo á estrada.

Para solucionar a problemática, sen ter que abrir de novo unha gabia na estrada e evitando tamén afeccións ao tráfico, substituirase un colector de drenaxe do edificio e conectarase á rede mediante un sistema de perforación horizontal dirixida.

Os traballos contratados inclúen a preparación dos puntos de entrada e saída da perforación, o traslado e colocación da maquinaria, a execución da perforación, así como a colocación da condución e retirada de lodos derivados dos traballos.