Inicio / Noticias / A Xunta adxudica as obras para dotar de iluminación o acceso ao parque empresarial de Morás, en Arteixo
18/04/2020 - 14:03
A Xunta adxudica as obras para dotar de iluminación o acceso ao parque empresarial de Morás, en Arteixo

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2020.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras para dotar de iluminación o acceso ao parque empresarial de Morás, no Concello de Arteixo.

Estas actuacións, adxudicadas á empresa Oys Noroeste S.L.U. por un importe de preto de 50.000 euros, consistirán na disposición de luminarias no enlace e no ramal de acceso ao polígono co fin de facilitar a mobilidade nesta área industrial e mellorar a seguridade viaria.

Para isto, instalaranse 25 báculos de 10 metros de altura, con luminarias de tipo led no ramal de entrada ao polígono e dúas torres de iluminación de 18 metros de altura con catro proxectores led, na glorieta elevada de enlace coa estrada AC-55.

Estas obras realizaranse de xeito simultáneo ás de execución do acceso ao parque empresarial, cuxa finalización se prevé no mes de maio. Os traballos reactiváronse este martes coas medidas de protección recomendadas, logo de dúas semanas paralizadas polo estado de alarma reforzado decretado polo Goberno.

As obras de acceso ao polígono, cun investimento autonómico de 4,4 millóns de euros, permitirán conectar a zona empresarial de Morás coas vías de alta capacidade que a rodean, a A-6 e a AG-55, a través do novo enlace na AC-551, entre a saída da autoestrada de Carballo e a glorieta de Sabón.

As obras xa se atopan ao 95% da súa execución total, co movemento de terras, as estruturas e a drenaxe rematados. Aproveitouse o descenso da mobilidade motivado polo estado de alarma para estender a maior parte da capa de rodadura do firme, quedando pendente un treito no inicio da obra, dirección Sabón.

Ademais o Instituto Galego da Vivenda e Solo está a levar a cabo de xeito acompasado as obras do acceso ao polígono, a urbanización e as conexións exteriores da 1ª fase de desenvolvemento deste parque empresarial, que finalizarán tamén nas próximas semanas.

O Goberno galego, mediante este proxecto, aposta pola mellora da accesibilidade e o reforzo da competitividade do parque empresarial de Morás co fin de xerar emprego e riqueza na área da Coruña.