Inicio / Noticias / A Xunta adxudica por case 150.000 euros as obras da nova senda entre A Ponte e Santa Cataliña, no concello de Santa Comba
08/12/2022 - 12:30

Santiago de Compostela, 8 de decembro 2022 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por 147.288 euros as obras da nova senda entre A Ponte e Santa Cataliña, no concello de Santa Comba. 

A intervención, adxudicada á empresa Mantido S.L., prevé iniciarse a principios deste vindeiro ano 2023 e rematala na primavera, xa que conta cun prazo de execución de 4 meses

Mediante este contrato, habilitarase ao longo de 450 metros da estrada AC-404 un novo itinerario co obxectivo de reforzar a seguridade viaria e favorecer a mobilidade a pé dos veciños.  

Esta senda, fundamentalmente de uso peonil, vai permitir aos veciños facer os seus desprazamentos cotiáns de xeito máis cómodo, máis seguro e tamén máis saudable, evitando o uso do coche e facilitando camiñar. 

A vía executarase pola marxe dereita da estrada autonómica, no treito de 450 metros comprendido entre A Ponte e Santa Cataliña, mellorando o tránsito peonil ao unir as beirarrúas actuais, nos treitos anterior e posterior, coa nova senda que se vai a habilitar, acadando un itinerario continuo que conecta os principais equipamentos. 

Este novo itinerario terá un ancho de 1,80 metros, acorde ás beirarrúas existentes, e irá separado da estrada por un bordo de formigón e unha gabia de seguridade de 1,20 metros.  

Tamén se executará un muro de contención de máis dun metro de altura ao longo de 8,5 metros para salvar o desnivel no terreo e soster a senda sen afectar o rego das Dornas. Ademais, colocarase barreira metálica ao longo de 12,50 metros sobre o muro e completaranse os traballos coa reposición da sinalización necesaria. 

A intervención conta con financiamento comunitario dos fondos REACT-EU, de resposta da Unión Europea fronte á pandemia da covid-19.  

Esta actuación enmárcase na aposta da Xunta pola mobilidade sostible e saudable, que se traduce xa na execución de 200 km de sendas en toda Galicia cun investimento de 50 M€. 

O departamento que dirixe Ethel Vázquez segue a impulsar a construción de novas sendas co obxectivo de dotar os veciños de itinerarios que lle permitan facer os seus desprazamentos cotiás de xeito máis cómodo, seguro, sustentable e saudable.