Inicio / Noticias / A Xunta adxudica por case 250.000 euros as obras de renovación de beirarrúas e rede de pluviais na estrada AC-550 ao seu paso polo concello de Ribeira, entre Padín e Deán Pequeno
21/10/2019 - 14:50

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar por case 250.000 euros as obras de renovación de beirarrúas e pluviais na estrada autonómica AC-550 ao seu paso polo Concello de Ribeira, entre Padín e Deán Pequeno.

Os traballos, adxudicados á empresa Construcciones Taboada y Ramos, S.L., teñen un prazo de execución duns 3 meses. O departamento de Infraestruturas programa o inicio das obras, que atendendo ás condicións climatolóxicas poderán iniciarse a finais de ano ou principios do 2020.

A intervención permite a mellora e reposición de toda a beirarrúa deteriorada da AC-550, na súa marxe esquerda no seu acceso á poboación, entre os puntos quilométricos 107+320 e 107+870, na Avenida de Ferrol. E na súa marxe dereita actuarase entre os puntos quilométricos 107+460 e 107+870.

Os traballos inclúen a substitución do pavimento, colocando novas baldosas de formigón en branco ou gris e novos bordos. Poñeranse a cota do novo pavimento as arquetas e os pozos de rexistro nas zonas de actuación, e modificaranse os pasos peonís actuais.

Ademais, mellorarase a drenaxe, aumentando o número de sumidoiros na marxe esquerda de modo que a separación entre eles sexa menor de 30 metros. Pola súa parte, a marxe dereita carece de sumidoiros, polo que é preciso instalar un novo colector de pluviais conectado mediante pozos de rexistro a novos sumidoiros.

Entre os puntos quilométricos 107+700 e 107+775 o colector de fecais atopase en mal estado polo que se procederá a súa reposición.

Con estas actuacións o departamento de Infraestruturas da Xunta continúa a traballar para mellorar e conservar a rede viaria autonómica, ofrecendo unhas estradas cómodas e seguras para todos os seus usuarios e fomentando o desenvolvemento económico e social dos municipios.