Inicio / Noticias / A Xunta adxudica por máis de 1,3 M€ a mellora do firme na estrada PO-548 ao seu paso polos concellos de Pontecesures, Valga, Catoira e Vilagarcía de Arousa
19/07/2022 - 13:16

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2022 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por 1.366.104 euros as obras de mellora do firme na estrada autonómica PO-548, ao seu paso polos concellos de Pontecesures, Valga, Catoira e Vilagarcía de Arousa.

 

As obras, adxudicadas á empresa Construcciones y Obras Taboada Ramos, S. L. U., comezarán, previsiblemente, a finais de agosto e terán un prazo de execución de seis meses.

 

O obxecto da intervención é o acondicionamento e rehabilitación do firme ao longo de algo máis de 17 km desta vía que una as localidades de Pontecesures e Vilagarcía de Arousa, de cara a mellorar a seguridade viaria.

 

As actuacións na PO-548 comprenderán o tramo entre Pontecesures, no punto quilométrico 0, e o punto 17+250, xa na glorieta de acceso ao porto de Carril, en Vilagarcía de Arousa.

 

As obras consistirán na reparación do firme mediante o fresado e reposición das zonas deterioradas e na aplicación dunha nova capa de rodadura nos tramos nos que non exista, actualmente, mestura bituminosa descontinua.

 

Ademais, melloraranse as condicións actuais da estrada, coa reposición de marcas viarias: continuas, descontinuas, símbolos, cebreados e resaltes.

 

No que se refire ás marcas que delimitan o eixo da calzada proponse, en varios tramos da PO-548, a disposición dunha dobre liña continua. Noutros, nos cales o que se pretende é conseguir unha redución da velocidade, diminuirase o ancho dos carrís, establecendo unha zona central que se cebreará.

 

A estrada PO-548 presenta numerosas interseccións con outras estradas, por norma xeral, de menor entidade. Nesas interseccións, e tamén co obxectivo de facilitar os movementos de incorporación ou abandono da vía ou posibilitar cambios de sentido, aplicarase unha capa de rodadura, sobre a cal se disporán as marcas viarias oportunas.  

 

A Xunta continúa traballando na mellora e conservación da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas seguras e eficientes.