Inicio / Noticias / A Xunta adxudica por máis de 1,3 M€ as obras de mellora do firme na autovía AG-64 ao seu paso por Narón, San Sadurniño, As Somozas e As Pontes
15/06/2022 - 03:04

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2022 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por 1.315.222 euros a execución das obras de mellora do firme na AG-64, ao seu paso polos concellos de Narón, San Sadurniño, As Somozas e As Pontes.

 

A intervención comprende o acondicionamento e rehabilitación do firme nos primeiros 40 quilómetros desta autovía que une Ferrol e Vilalba, de cara a mellorar a seguridade viaria.

 

Os traballos, adxudicados á empresa Explotaciones Gallegas, S.L., comezarán previsiblemente neste mesmo mes de xuño e contan cun prazo de execución de seis meses.

 

Máis en concreto, actuarase no treito da AG-64 comprendido entre os puntos quilométricos 0 e o 39+790. Os traballos centraranse na reparación do firme que se atope en mal estado, coa mellora da capa de rodadura, así como das condicións de adherencia.

 

Neste contrato inclúense, ademais, obras complementarias de mellora de drenaxe nos puntos onde sexa necesario. Tamén se renovará a sinalización vertical e horizontal nas zonas nas que estea deteriorada.

 

A execución das obras compatibilizarase co mantemento do tráfico da autovía, co obxectivo de minimizar as molestias na circulación nesta vía de alta intensidade de tráfico, na que unha parte importante son vehículos pesados.

 

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na mellora e conservación da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas seguras e eficientes.