Inicio / Noticias / A Xunta adxudica por máis de 575.000 euros as obras de construción da senda peonil entre Vilaseca e Lapamán, en Marín
02/12/2018 - 12:00

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2018.- A Xunta vén de adxudicar por máis de 575.000 euros as obras de construción da senda peonil entre Vilaseca e Lapamán, en Marín, para o pago de depósitos previos.

As obras foron adxudicadas a empresa construtora Covsa, prevéndose o pago das actas de ocupación neste mesmo mes de decembro, coa vista posta en iniciar as mesmas no primeiro mes do ano 2019. Trátase dunha senda para o uso de peóns e ciclistas non deportivos na marxe dereita da estrada PO-551, entre o punto quilométrico 6+260 e o límite municipal co Concello de Bueu, na parroquia de Ardán. O itinerario terá aproximadamente 1.450 m de lonxitude e proxéctase en formigón coloreado cun ancho tipo de 2 m, aínda que nalgún punto será lixeiramente menor pola presenza de edificacións próximas á calzada.

Entre os puntos quilométricos 6+918 e 6+953 a estrada cruza un pequeno rego, polo que neste tramo proxéctase unha pasarela de madeira adosada ao pontón existente para garantir a continuidade do itinerario peonil. Prevense ademais actuacións complementarias coma a instalación dun colector para canalización das augas de drenaxe e a execución de muros de contención en 8 treitos para o sostemento dos noiros e para reducir as afeccións.

Na zona final do proxecto, nas proximidades da praia de Lapamán, habilitarase unha banda de aparcadoiro en liña, paralelo á estrada, con aproximadamente 35 prazas.

Esta actuación está enmarcada no Plan de Sendas de Galicia, que na comarca do Morrazo prevé a construción de 8 sendas, sostibles, seguras e integradas na paisaxe, sendo Marín un municipio no que se executarán 4 itinerarios cun investimento de arredor de 1,8 M€.

Estas obras foron coordinadas coas previstas para a mellora de seguridade viaria no entorno do treito de concentración de accidentes na estrada PO-551.

Esta actuación executada pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, dispón do cofinanciamento do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.