Inicio / Noticias / A Xunta adxudica por máis de 715.000 € as obras da 1ª fase de mellora da estrada OU-402, no concello de Arnoia
15/06/2022 - 05:10

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2022 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por 715.405 € as obras da 1ª fase de mellora da estrada OU-402, no concello de Arnoia.

Esta actuación, adxudicada á empresa Obras, Pavimentos e Instalaciones Industriales S.L. (Opain), prevé iniciarse no verán e ten un prazo de execución de 6 meses, se ben a parte máis interurbana, con rectificación de trazado, comezará nos primeiros días de setembro, unha vez que se conte coa dispoñibilidade dos terreos expropiados. Os actos expropiatorios levaranse a cabo nos meses de xullo e de setembro.

Actuarase nun treito de preto de 1,6 km desta vía autonómica, que actualmente carece de beirarrúas, de beiravías e de zona para peóns.

As obras incluirán a mellora do trazado da vía, ampliando, cando sexa factible, a estrada ata os 7 metros de ancho. Tamén se rectificarán as curvas de radio reducido.

Habilitarase un espazo peonil para favorecer os desprazamentos a pé dos veciños de xeito seguro, coa construción de beiravías ao longo de algo máis de 1 km, de 2 metros de ancho, pola marxe esquerda, e cuneta transitable ao longo de medio quilómetro. Ademais, mellorarase a senda existente entre o acceso ao balneario e o núcleo da Arnoia e contorna.

Con esta intervención actuarase na intersección da OU-402 coa vía provincial OU-0305 no quilómetro 30+700. Co fin de mellorar a visibilidade e garantir unha maior seguridade nos xiros, neste punto habilitarase un carril central de espera e un cambio de sentido.

Tendo en conta que se intervirá tamén na entrada ao núcleo urbano da Arnoia, adecuarase o trazado á normativa vixente, incidindo sobre a mellora da visibilidade na circulación. Neses 600 metros de estrada de entrada ao núcleo, debido á dificultade de ampliar a vía sen afectar ás edificacións existentes, conservarase o ancho actual dos carrís, 3 metros, actuando na gabia da marxe esquerda para convertela en gabia transitable.

A intervención completarase con traballos de reforzo do firme, a mellora da drenaxe transversal, sinalización e instalación de barreiras de seguridade.

Con esta actuación de mellora da estrada OU-402 a Xunta quere facilitar desprazamentos máis cómodos e seguros a todos os usuarios, tamén ás persoas que se desprazan a pé, xa que agora este treito da estrada non ten espazo específico para os peóns.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez segue a traballar no impulso de actuacións que favorecen unha Galicia mellor conectada e máis vertebrada, mellorando as comunicacións entre os municipios pequenos e do interior da comunidade.