Inicio / Noticias / A Xunta adxudica por máis de 800.000 euros as obras de mellora de firme en cinco estradas autonómicas da provincia da Coruña
30/07/2020 - 05:07

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2020.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar por un investimento de máis de 800.000 euros a execución das obras de mellora do firme en cinco estradas autonómicas da provincia da Coruña. Trátase de actuacións nas vías AC-400, AC-404, AC-429, AC-444 e AC-419, ao seu paso polos concellos da Baña, Carballo, Cerceda, Laxe, Ponteceso, Santa Comba, Tordoia e Zas.Estas intervencións, adxudicadas á empresa Construcciones López Cao, S.L, contan cun prazo de execución de 4 meses e o obxectivo da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade é iniciar os traballos a finas de agosto.

O contrato ten por obxecto a rehabilitación de firme naqueles puntos nos que a capa de rodadura presente carencias ou se atope deteriorada, coa finalidade de reforzar e mellorar a seguridade viaria e a comodidade dos usuarios destas estradas.

Na estrada AC-400, Sigrás (N-550)-Muros, actuarase no tramo que vai do punto quilométrico 28+600 ao 62+500. Neste treito repararanse as superficies deterioradas da vía e procederase á reposición das marcas viarias, captafaros, bandas sonoras e barreira metálica.

Na AC-404, Santa Comba-Baio (AC-552), os traballos de rehabilitación de firme realizaranse entre os puntos quilométricos 1+350-20+670. A actuación incluirá a reposición das marcas viarias, captafaros, bandas sonoras, sinalización vertical e obras de drenaxe.As melloras previstas na estrada AC-429, Ponteceso (AC-424)-Laxe, que se desenvolverán desde o punto quilométrico 0 ao 11+710, comprenden a reparación das superficies deterioradas e a reposición das marcas viarias. Estes mesmos traballos son os que se realizarán na AC-419, Buño (AC-418)-Ponteceso (AC-424), desde o punto 3 ao 4.Finalmente as tarefas previstas na AC-444, Negreira (Límite concello)-Ponte Failde (AC-406), comezarán no punto quilométrico 0+570 e chegarán ata o punto 10+910. Nesta vía ademais da reparación das superficies deterioradas, reporanse as marcas viarias, captafaros e bandas sonoras e obras de drenaxe.