Inicio / Noticias / A Xunta adxudica por preto de 260.000 euros as obras de mellora da conexión da autovía do Salnés coa estrada PO-504 en Sanxenxo
24/05/2021 - 04:16

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2021.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, adxudicou, por preto de 260.000 euros, a execución de mellora da conexión da Autovía do Salnés coa estrada PO-504, no concello de Sanxenxo.

Os traballos, adxudicados á empresa Construcciones Fechi, S.L.U., prevén iniciarse en setembro para evitar a afección ao tráfico en época de verán.

Trátase de construír un novo ramal para os vehículos que veñen do Grove e da Lanzada e saen da vía rápida en Sanxenxo para enlazar coa PO-540, substituíndo ao actual.

A actuación precisa de expropiacións, estando xa fixado o levantamento de actas previas para o día 10 de xuño, e a convocatoria de pagamento dos depósitos previos e formalización das actas de ocupación dos terreos o día 16 de setembro.

O proxecto do departamento que dirixe Ethel Vázquez ten como finalidade a mellora da fluidez do tráfico nesta contorna e reducir os atascos na época estival.

Para evitar este problema, a intervención da Xunta céntrase en optimizar a conexión dese ramal de saída ao enlace coa PO-504. Para iso, construirase un novo ramal de saída, cun radio de xiro axeitado, que vai substituír o actual e vai permitir eliminar o stop.

Ademais, ampliarase a plataforma da estrada entre as glorietas do enlace de Sanxenxo e da PO-504 e habilitarase un carril de acceso directo adicional.

As obras complementaranse con outras actuacións de reforzo da seguridade viaria, como a recolocación dos báculos de iluminación, a renovación da sinalización e a colocación de balizas de separación dos sentidos no ramal entre glorietas.

Esta conexión da vía rápida coa estrada que vai a Sanxenxo permitirá gañar en capacidade, o que suporá unha mellora considerable do fluxo de tráfico nesta zona de gran atractivo turístico.