Inicio / Noticias / A Xunta adxudica por preto de 360.000 € as obras de mellora da seguridade viaria na estrada AC-840 entre Porzomillos e Oza, no concello de Oza-Cesuras
23/06/2021 - 04:38

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2021.- A Xunta adxudicou por preto de 360.000 euros as obras de mellora da seguridade viaria na estrada autonómica AC-840 entre Porzomillos e Oza, no concello de Oza-Cesuras.

Trátase da construción dunha senda entre este dous núcleos e da reordenación dunha intersección na estrada de titularidade da Xunta AC-840, ao seu paso polo municipio.

O obxectivo da Xunta é iniciar en agosto ambas as dúas intervencións, de xeito coordinado e simultáneo, para facilitar os movementos seguros dos usuarios máis vulnerables da estrada, ao tempo que se reforzará a seguridade viaria na contorna. O levantamento de actas de ocupación das expropiacións está convocado para o día 3 de agosto, polo que a partir dese día poderá comezar a execución das obras.

Senda peonil e ciclista

Atendendo á solicitude do Concello, construirase unha senda peonil e ciclista na marxe dereita da AC-840, cara a Oza, entre os puntos quilométricos 5+444 e 6+826,50, coincidindo o seu inicio co núcleo rural de Porzomillos e finalizando antes do núcleo urbano de Oza dos Ríos.

O obxectivo desta actuación, adxudicada á empresa Construcciones Cernadas, S.L., por case 212.000, é mellorar as actuais prestacións da estrada, permitindo un movemento seguro dos usuarios máis vulnerables.

O novo itinerario, de preto de 1,4 quilómetros, construirase aproveitando parte da beiravía existente, coincidindo na súa maior parte coa planta e rasante da estrada, pero separada desta por unha gabia de seguridade.

Na zona onde non leve gabia, a senda elevarase 10 centímetros con respecto á plataforma rodada e separarase desta por un bordo de formigón.

Nas interseccións da senda con outras vías rematarase, tanto ao inicio como ao final, con 1 metro de baldosa podotáctil.

A construción desta senda leva aparellada a disposición dos dispositivos necesarios para a recollida e evacuación das augas superficiais, o retranqueo dos postes de telecomunicacións e a recolocación das sinais existentes.

Reordenación da intersección da AC-840

A outra intervención prevista de mellora da seguridade nesta vía céntrase na reforma da intersección da AC-840, no punto quilométrico 6+000. As obras foron adxudicadas á empresa Construcciones Leonardo Miguelez, S.L. por máis de 147.000 euros.

Trátase da reordenación da intersección, que conecta esta estrada autonómica coa vía que comunica cos núcleos de Carraceda, A Picha, O Corvo e A Fonte da Viña, e o seu obxectivo é mellorar a seguridade viaria neste punto.

Esta intersección sitúase nun punto intermedio do itinerario da senda e prevese actuar coa disposición de novos carrís de aceleración e deceleración, de 3,50 metros de ancho, así como dous carrís centrais de espera de 3 metros de ancho, que permiten todos os xiros á esquerda. Para a execución destes carrís é necesaria a ampliación da calzada.

Con estas actuacións o departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na conservación da rede viaria autonómica coa fin de proporcionarlles unhas estradas máis seguras e cómodas aos cidadáns.