Inicio / Noticias / A Xunta adxudica por preto dun millón de euros as obras de reforzo do firme de tres estradas autonómicas que vertebran as comunicacións con Monforte de Lemos
27/07/2020 - 14:09

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2020.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar, por preto de 1 millón de euros, a execución das obras de reforzo do firme en tres estradas autonómicas que vertebran as comunicacións con Monforte de Lemos e na estrada LU-722 ao seu paso polo municipio de Navia de Suarna.Esta intervención, adxudicada á empresa Aglomerados y Construcciones Valdeorras S.A., conta cun prazo de execución de 6 meses. O inicio dos traballos prevese a finais do mes de agosto.

Este contrato suporá a mellora de diferentes treitos da vía de altas prestacións VG-2.1 de Monforte; da LU-933 neste mesmo concello; e da LU-546 (vía que conecta Nadela con Monforte) ao seu paso polos municipios do Corgo, Láncara, O Páramo e Sarria. Tamén se prevé a rehabilitación do firme da LU-722 en Navia de Suarna.

Na VG-2.1 actuarase en toda a lonxitude da vía, de preto de 3 quilómetros, para realizar unha renovación completa da capa de rodaxe na calzada e nas beiravías.

Na estrada LU-933 está previsto mellorar o firme coa extensión dunha nova capa de rodaxe ao longo de cinco quilómetros entre Monforte e Bascós, incluído o treito urbano dentro da localidade monfortina. Tamén se realizará unha limpeza de gabias e noiros.

Pola súa banda, na LU-546 actuarase nuns 10,7 quilómetros e o proxecto contempla o reforzo localizado do firme, mediante a realización de fresados a carril completo, e a extensión dunha nova capa de rodaxe en carrís e beiravías.

Finalmente, na estrada LU-722, que conecta Navia con Becerreá e a autovía A-6, actuarase no seu tramo final. En concreto, desde a saída da Pobra de Navia, capitalidade municipal ata o cruzamento coa vía provincial LU-P-3502.

En todas as estradas está previsto completar as actuacións de mellora do firme coa execución posterior de tarefas de reposición e renovación da sinalización horizontal e balizamento.