Inicio / Noticias / A Xunta adxudica a redacción do proxecto de ampliación e mellora da rúa ‘D’ e da senda peonil na contorna da actual estación de autobuses de Ourense
11/06/2020 - 05:04

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2020.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar a redacción do proxecto para a ampliación e mellora da rúa D e da senda peonil da contorna da actual estación de autobuses de Ourense.

O contrato foi adxudicado á empresa IVR Ingeniería por un investimento de máis de 17.000 euros.

A Xunta, coa redacción deste proxecto, dálle resposta a unha solicitude realizada pola Asociación de Veciños As Termas de Ourense. Esta iniciativa forma parte do conxunto de actuacións destinadas a adecuar o contorno da actual terminal, unha vez que a súa actividade se traslade á nova estación intermodal. Así, a reforma da rúa ‘D’ complementa o proxecto de demolición da estación de autobuses do Pino, xa licitado pola Xunta de Galicia, cuxo espazo se destinará á construción dunha residencia da terceira idade.

Trátase de definir as actuacións necesarias para ampliar e acondicionar a rúa D, situada ao sur da actual estación, así como o trazado da senda peonil existente.

Coa ampliación da vía acadarase unha sección de dous carrís de circulación, aparcamento nas dúas marxes e beirarrúas. Tamén se prolongará o itinerario peonil que conecta coas termas e o antigo balneario das Caldas.

Cómpre lembrar que actualmente se está a executar a nova terminal de autobuses integrada na estación intermodal na cidade.

Unha vez finalizada esta obra, a parcela da actual terminal destinarase a outros usos, polo que o contrato hoxe adxudicado permitirá o acondicionamento desta contorna.