Inicio / Noticias / A Xunta adxudica a redacción do proxecto de mellora da estrada de Santa Comba entre Paramos e Faílde, nos concellos de Val do Dubra e da Baña
21/07/2022 - 05:39

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2022

A Xunta vén de adxudicar a redacción do proxecto de mellora da AC-406, a estrada Santa Comba-Portomouro, no treito situado entre Paramos e Faílde, ao seu paso polos concellos de Val do Dubra e da Baña.

 

Así llo trasladou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, á alcaldesa de Santa Comba, María Josefa Pose, e aos rexedores municipais de Val do Dubra e A Baña, José Manuel Varela e Andrés García, respectivamente, nunha reunión de traballo na que tamén participou o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e na que abordaron os avances para o impulso do que é unha actuación estratéxica para estes municipios.

 

O contrato foi adxudicado á empresa Vivero de Soluciones para la Ingeniería, por un importe de máis de 18.000 euros.

 

O obxectivo é definir as actuación necesarias para mellorar o trazado do treito de 3,7 quilómetros da AC-406, entre Paramos e Faílde, para  incrementar a seguridade viaria e favorecer a mobilidade nesa zona.

 

Trátase de intervir no treito desta estrada, comprendido entre os puntos quilométricos 18+700 e 22+400, e mellorar o actual trazado sinuoso, favorecendo a condución das persoas que se desprazan entre a contorna de Santa Comba e Santiago de Compostela.

 

Con esta actuación, a Xunta dará continuidade ao treito xa en servizo, entre Abuín e o parque empresarial de Santa Comba, obras nesta mesma estrada AC-406, que supuxeron un investimento autonómico de 3,21 M€.