Inicio / Noticias / A Xunta adxudica a redacción dos proxectos de construción de 6 novas sendas peonís e ciclistas na comarca de Lugo, cun investimento de 2,5 millóns de euros
28/10/2017 - 14:06

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2017.- A Consellería de Infraestruturas e Vivenda vén de adxudicar a redacción dos proxectos para a construción de 6 novas sendas peonís e ciclistas na comarca de Lugo, cun investimento de 2,5 millóns de euros.

O contrato para a redacción do proxecto foi adxudicado á empresa Proyfe por un importe de máis de 108.000 euros e un prazo de execución de 12 meses.

Estas sendas teñen os fondos garantidos e recollen actuacións tan importantes como o itinerario dun quilómetro nun treito da LU-633, que une Portomarín cos núcleos situados na outra ribeira do encoro do Miño, un camiño que lle permite aos veciños destes núcleos acceder con maior facilidade aos servizos e que mellorará substancialmente o paso actual pola ponte sobre o encoro, nun treito que coincide co Camiño Francés a Santiago.

Con estes traballos danse os pasos necesarios para que os veciños destes concellos de Lugo e tamén os peregrinos poidan dispoñer, canto antes, de sendas seguras, sustentables e integradas na paisaxe para realizar os seus itinerarios habituais.

Plan de Sendas

A comarca de Lugo é, xunto con Ourense, O Morrazo e Pontevedra unha das bisbarras seleccionadas para o desenvolvemento da segunda fase do Plan de Sendas de Galicia, que na súa primeira fase se puxo en marcha nas comarcas de A Coruña, Ferrol, Bergantiños, Santiago, Vigo, O Salnés e Chantada, onde xa se están a desenvolver as actuacións proxectadas.

Entre a 1ª e a 2ª fase do plan, a Xunta está a impulsar a construción de 95 novas sendas, máis de 120 novos km de itinerarios peonís e ciclistas en 11 comarcas de galegas, que suporán un investimento de preto de 37 millóns de euros.

Este Plan ten como obxectivo incrementar a seguridade de peóns e ciclistas, posto que son os usuarios máis vulnerables das estradas. Tamén busca promover unha mobilidade máis sustentable, favorecendo modos de desprazamento menos contaminantes e alternativos á utilización do vehículo particular.