Inicio / Noticias / A Xunta amplía o punto limpo do parque empresarial da facha para dar servizo ás empresas de Campo Lameiro
29/11/2022 - 04:56
A Xunta amplía o punto limpo do parque empresarial da facha para dar servizo ás empresas de Campo Lameiro

Campo Lameiro, 29 de novembro de 2022 A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, vén de ampliar o punto limpo de recollida de residuos do Parque Empresarial da Facha para poder prestar este servizo ás empresas do municipio de Campo Lameiro.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa, supervisaron esta mañá esta actuación de carácter medioambiental, que supuxo un investimento de máis de 33.000 euros e que contou co financiamento do Goberno galego.

“Este proxecto enmárcase na iniciativa Concellos Emprendedores, á que está adherido o Concello de Campo Lameiro, e coa que pretendemos captar investimentos empresariais e fomentar o asentamento de industrias, polo que, loxicamente, temos que facela atractiva para empresarios e emprendedores e impulsámola con diversas melloras coma esta nos territorios que apostan connosco por esta estratexia”, sinalou o representante autonómico.

A obra consistíu na ampliación da nave existente no punto limpo, que ata a data só daba servizo aos veciños de Campo Lameiro, e a súa mellora con materiais de seguridade que permitan o correcto depósito dos residuos industriais das empresas do municipio.

Así, esta instalación construíuse cun solo de formigón para evitar que a porosidade doutros materiais permitira a filtración de restos ao subsolo, teito desmontable e cuberta tipo sándwich, porta cortalumes, fiestras practicables, unha montaxe integral de aceiro laminado, instalación eléctrica de última xeración e sistemas de emerxencias.

Deste xeito, as empresas do municipio xa poden deixar os seus residuos industriais neste espazo para almacenalos, clasificalos e depositalos en contedores axeitados antes de proceder ao seu traslado, para o tratamento correspondente, por parte de xestores autorizados.

“Estamos ante un servizo de gran importancia para as fábricas e firmas de Campo Lameiro, xa que serve para mellorar a súa competitividade, posto que lles causa un aforro económico e tamén loxístico, e paralelamente contribúe a afondar na sostibilidade dos seus procesos de produción, polo que se trata dun acerto en todos os sentidos”, concluíu o delegado territorial.