Inicio / Noticias / A Xunta analizará a viabilidade das demandas veciñais no marco das actuacións previstas para mellorar a seguridade viaria na estrada PO-510, en Vaquería, no concello do Porriño
26/04/2018 - 04:20

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2018.- A Consellería de Infraestruturas e Vivenda analizará a viabilidade das demandas veciñais no marco das actuacións previstas para mellorar a seguridade viaria na estrada PO-510, en Vaquería, no Concello do Porriño.

Na actualidade, na estrada PO-510, entre os puntos quilométricos 2 e 3, ao seu paso pola parroquia de Budiño, por motivo de seguridade viaria non se permite a realización xiros ou o acceso dende o sentido contrario de circulación ás vivendas e propiedades situadas na marxe da vía.

Co obxectivo de mellorar a funcionalidade da estrada, o Goberno galego está a estudar as opcións a desenvolver para acadar unha solución que sexa viable dende o punto de visto técnico e que dea resposta ás necesidades dos veciños. Neste sentido, a Axencia Galega de Infraestruturas avaliará as propostas realizadas polos cidadáns desta área para analizar a súa viabilidade, sempre coa premisa de manter ou mellorar a seguridade viaria.

Neste sentido, a seguridade viaria é prioritaria para a Xunta, que continúa a traballar para mellorar a rede viaria autonómica e potenciar o desenvolvemento económico e social dos concellos galegos.