Inicio / Noticias / A Xunta aproba o proxecto de construción da 1ª fase da conversión en autovía da VAP Nadela-Sarria, entre Pobra de San Xiao e Sarria centro, cun investimento de 24,4 millóns de euros
10/12/2019 - 11:54

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, vén de aprobar o proxecto de construción da 1ª fase da conversión en autovía da Vía de Altas Prestación Nadela-Sarria, entre Pobra de San Xiao e Sarria Centro, cun investimento de 24,4 millóns de euros.Nas vindeiras semana se licitarán as obras, que teñen un prazo de execución de 24 meses, co obxectivo de iniciar a intervención o vindeiro verán.Esta actuación impulsada pola Xunta ten por obxecto a construción dunha nova calzada paralela á existente, sobre a marxe esquerda en sentido Pobra de San Xiao-Sarria, de xeito que se pasa dunha calzada de dous carrís (un por sentido) a dúas calzadas de dous carrís por sentido, mantendo o trazado existente. Na súa concepción é atendendo aos criterios técnicos máis esixentes, o novo trazado vai permitir, non só facer o percorrido máis rápido, senón que tamén se fará dun xeito máis seguro xa que conta cunha velocidade de proxecto de 120 km/h.Os traballos inclúen a adaptación dos enlaces da Pobra de San Xiao, no punto quilométrico13+600; Sarria Norte, no 21+600, e o enlace de Sarria Centro, no 23+900; e que conectan en distintos puntos a actual CG-2.2 coa LU-546. Tamén prevé a adaptación dos pasos inferiores e a reposición dos camiños de servizo afectados.A vía de altas prestación Lugo – Sarria – Monforte é unha infraestrutura estratéxica para a Xunta de Galicia e tense convertido nos seus poucos anos de vida nunha das principais infraestruturas de vertebración do interior de Galicia. Esta estrada, cuxo último treito se puxo en servizo en novembro de 2015, permitiu completar a conexión da cidade de Lugo co sur da provincia. Supuxo un fito importante na súa mobilidade e no reforzo da seguridade viaria, xa que, con ela, Lugo e a capital de Lemos quedaron conectadas nuns 45 minutos, grazas a un investimento de 135 M€ dende o ano 2009.A conversión en autovía, xa prevista nos proxectos orixinais da VAP e por tanto máis sinxela de executar agora, permitirá seguir incrementando a funcionalidade desta infraestrutura, mellorando as condicións de seguridade e comodidade dos usuarios, cun notable incremento da capacidade e niveis de servizo do itinerario.