Inicio / Noticias / A Xunta aproba o proxecto de construción das obras de mellora da estrada autonómica PO-315 en Cangas
18/05/2022 - 14:25

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2022 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o proxecto de construción das obras de mellora da seguridade viaria na estrada autonómica PO-315, no concello de Cangas.

 

Trátase de acometer diversas actuacións encamiñadas á mellora de dous treitos da PO-315, situados entre os puntos quilométricos 10+100 e 10+380 e na entorna do 13+500.

 

O orzamento estimado pola Xunta para levar a cabo esta actuación supera os 225.000 euros e prevese o seu financiamento con fondos do Mecanismo de Recuperación e Resilencia, do programa Next Generation UE.

 

O DOG tamén publica hoxe a resolución da aprobación definitiva do expediente de información pública deste proxecto. No seguinte enlace pódese ampliar a información relativa a esta resolución: https://bit.ly/3ljxRUz .

 

Máis en concreto, actuarase na mellora do treito da vía autonómica situado entre os puntos 10+100 e 10+380 ao seu paso pola parroquia de Aldán, intervíndose tamén na mellora dos percorridos peonís, con novas beirarrúas accesibles e unha pasarela peonil adosada a un pontón sobre o río para permitir a continuidade da beirarrúa.

 

Nestes tramo incluirase, ademais, a reordenación das interseccións de acceso á praia de San Cibrán, dos pasos de peóns e das paradas de autobús, xunto coa renovación da rede de pluviais e da iluminación pública.

 

O proxecto prevé tamén realizar tres actuacións necesarias na PO-315 para completar a continuidade das beirarrúas existentes na parroquia de Darbo, na entorna do punto quilometrico 13+500.