Inicio / Noticias / A Xunta aproba o proxecto de construción para acondicionar o trazado da estrada AC-110, no concello das Somozas
23/10/2020 - 13:07

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2020.- A Xunta vén de aprobar o proxecto de construción para acondicionar o trazado da estrada AC-110, ao seu paso polo Concello das Somozas.

A actuación suporá un investimento autonómico de máis de 403.000 euros e un prazo de execución de 6 meses.

Unha vez sometido o documento ao proceso de información pública e aprobado definitivamente o proxecto construtivo, prevese que nas vindeiras semanas se aprobe o decreto expropiatorio.

Trátase dunha actuación de acondicionamento puntual do trazado da estrada autonómica, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 11+500 e 11+700.

Na actualidade, o trazado impide o tránsito normal dos transportes especiais que circulan por esta estrada, debido aos escasos radios de curvatura que teñen as dúas curvas consecutivas existentes na zona. A intervención recollida no proxecto céntrase na modificación do trazado destas dúas curvas, entre os puntos quilométricos 11+410 e 11+740.

O proxecto recolle a construción de dúas estruturas, unha para salvar a diferenza de cotas entre a nova rasante e o terreo natural, e outra entre a nova rasante e a das beirarrúas naqueles puntos nos que esta está condicionada pola cota de acceso ás vivendas.

Ademais da calzada, reporanse as beirarrúas e empregarase un pavimento de formigón en cor reforzado con mallazo. Tamén se prolongará a drenaxe transversal no treito que se acondiciona.

No seguinte plano amósase a intervención proxectada nesta estrada.