Inicio / Noticias / A Xunta aproba o proxecto do eixe de mobilidade sostible no treito entre a estación intermodal de Ourense e a Ponte Vella, cun investimento de 1,4 M€
18/03/2023 - 02:21
A Xunta aproba o proxecto do eixe de mobilidade sostible no treito entre a estación intermodal de Ourense e a Ponte Vella, cun investimento de 1,4 M€

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2023 A Xunta vén de aprobar o proxecto construtivo do eixe de mobilidade sostible no treito entre a estación intermodal de Ourense e a Ponte Vella, cun investimento de 1,4 M€.

As obras correspondentes a este treito prevense licitar a finais deste mes de marzo.

O proxecto correspóndese co acondicionamento da avenida das Caldas, de titularidade autonómica, de modo que queden unidas a estación intermodal e a Ponte Vella de Ourense, actuando nun treito de 460 metros.

Coa obra que se vai executar reordenarase completamente a sección da avenida das Caldas, humanizándoa, e permitindo a implantación de beirarrúas máis amplas e un carril bici. Para isto, será preciso diminuír o espazo para os vehículos, que quedará reducido a un carril de circulación, e aparcadoiro e zonas de servizo onde sexa posible e necesario.

As beirarrúas ampliaranse e renovaranse, buscando onde sexa posible un ancho mínimo libre para tránsito de peóns de 2 metros na marxe dereita en sentido de baixada, e de entre 3 e 5 metros na marxe esquerda, que coincide, ademais, parcialmente co Camiño de Santiago.

O pavimento terá dous acabados en función do treito, ou ben en lousa de pedra morena, ou ben en formigón lavado con árido visto.

O sentido de circulación dos vehículos será de baixada, cun carril de 3,5 metros de ancho, e contará na marxe dereita con aparcadoiro, zonas de carga e descarga, parada de autobús e espazo para colectores de lixo.

Ademais, incorporase unha franxa axardinada e arborado naqueles treitos nos que sexa posible.

Eixe para conectar Ourense de norte a sur

Este é un dos tres proxectos da Xunta para impulsar un eixe de mobilidade sostible que conectará a cidade de norte a sur, desde a intermodal ata Expourense -pola avenida das Caldas, a Ponte Romana, o paseo do Barbaña, o CHUO, Expourense e o Pazo dos Deportes Paco Paz- a través de 5,1 km de itinerarios e cun investimento autonómico de 7,23 M€.

A semana pasada o Consello da Xunta tamén aprobou o proxecto do treito entre Os Remedios e Expourense, ao longo do río Barbaña, cun investimento de 3,8 M€.

Este itinerario terá 3,5 quilómetros e abrangue o tránsito polo paseo na marxe do río Barbaña, acondicionando e mellorando a sinalización onde sexa necesario e dándolle continuidade no treito no que este se interrompe, entre a praza de Abastos e A Molinera. Este proxecto recolle varias actuacións de relevancia ao longo do río Barbaña, mellorando os itinerarios de mobilidade actuais.

Estas intervencións enmárcanse nos proxectos impulsados polo Goberno galego ao abeiro dos fondos Next Generation, co fin de fomentar a mobilidade sostible nas cidades galegas.