Inicio / Noticias / A Xunta aproba o proxecto para a construción dunha senda peonil e ciclista en Parderrubias, no concello de Salceda de Caselas, cun investimento autonómico de 900.000 euros
24/06/2019 - 03:48

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, vén de resolver a aprobación ao expediente de información pública e definitiva do proxecto de construción dunha senda peonil e ciclista na estrada autonómica PO-411, á altura de Parderrubias, no Concello de Salceda de Caselas.

Esta actuación conta cun orzamento autonómico duns 900.000 euros, no que se inclúe o pagamento aos titulares das 94 fincas necesarias para executar esta actuación.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ten previsto a licitación do contrato das obras a finais de verán e o levantamento de actas previas está previsto no terceiro trimestre de 2019.

Trátase da execución dunha senda compartida peón-bici de algo máis de 2 quilómetros de lonxitude na estrada de titularidade autonómica PO-411, cun trazado que coincide en planta e alzado coa vía actual e cun ancho que oscilará entre os 1,80 metros e os 2,30.

Esta actuación no núcleo de Parderrubias se desenvolve en tres treitos, un na marxe dereita do vial de acceso ao IES Pedras Rubias, outro na marxe esquerda da estrada PO-411, entre os puntos quilométricos 4+260 e 5+985, e o terceiro tamén pola marxe dereita da vía autonómica, entre os puntos quilométricos 5+970 e 6+250.

Ademais proxéctase un paso de peóns elevado no punto quilométrico 3+715, a ampliación do paso sobre o regato de Landres, a mellora das interseccións e accesos ás vivendas. Nas obras se prevé o traslado da marquesiña existente no punto quilométrico 5+910, así como a reposición dunha serie de treitos da rede de saneamento.

Esta intervención será cofinanciada con Fondos FEDER 2014/2020.