Inicio / Noticias / A Xunta atenderá a solicitude da Fundación Eduardo Pondal de redactar o proxecto para construír unha senda entre O Couto e Ponteceso, na estrada AC-424
13/02/2019 - 04:58

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2019.- A Xunta redactará o proxecto para construír unha senda entre O Couto e Ponteceso, na estrada AC-424, dándolle resposta á solicitude da Fundación Eduardo Pondal. Así llo trasladou hoxe a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, ao alcalde de Ponteceso, Lois García, nunha xuntanza de traballo.

O Goberno galego estudará as posibilidades de atender ademais a execución dun espazo de aparcadoiro na zona.

Cómpre lembrar que o Plan de Sendas de Galicia prevé na comarca de Bergantiños un total de 7 itinerarios que suman 11 km e un orzamento de preto de 5 M€. No marco desa iniciativa, no concello de Ponteceso, os veciños xa teñen á súa disposición a senda que conecta Xornes, Buño e Canta la Rana, posta en servizo no ano 2018 grazas a un investimento de 640.000 euros

Recentemente, a Xunta tamén puxo en servizo outro itinerario peonil e ciclista entre Neaño e A Carballa, en Cabana de Bergantiños, que conecta coas beirarrúas xa existentes e crea un itinerario de 7 km que permite desprazarse entre Ponteceso e Taboído.

Ademais, tamén o actual Goberno galego executou unha senda entre Ponteceso e Anllóns, que se rematou a finais de 2015, con 1,6 km de lonxitude e un investimento de máis de 300.000 euros.