Inicio / Noticias / A Xunta avanza na execución do tramo III da autovía do Morrazo co inicio a vindeira semana das obras de ampliación dun paso inferior
15/09/2018 - 14:21

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2018.- A Xunta segue a avanzar nas obras do treito III da autovía do Morrazo, iniciando a vindeira semana os traballos de ampliación do paso inferior situado baixo o punto quilómetro 9+660 do corredor.

Para acometer esta nova intervención está previsto desviar o tráfico no treito da estrada Marín-Moaña (PO-313) e que coincide coa zona de obras do paso inferior do corredor do Morrazo. Desde o vindeiro martes, e durante o tempo de execución destas obras, as conexións con esta vía autonómica manteranse a través dos enlaces de Meira e de Cangas.

Neste sentido, os condutores que circulen pola estrada autonómica e desexen continuar pola mesma, deberán incorporarse ao corredor do Morrazo e realizar o cambio de sentido, nun dos enlaces para volver a tomar a estrada Marín-Moaña.

Sinalar ademais que esta semana concluíronse as obras de formigonado no capitel do terceiro piar do viaduto, procedendo estes días á retirada do material que fixo necesario ocupar a estrada provincial EP-1102. Tamén nestes días se procedeu ao traballos de reparación desta estrada provincial, co obxectivo de reabrila ao tráfico o vindeiro martes 18.