Inicio / Noticias / A Xunta avanza nas obras de mellora da seguridade na estrada AC-445 en Estorde, no concello de Cee, no treito coincidente co camiño de Fisterra
16/04/2022 - 13:37
A Xunta avanza nas obras de mellora da seguridade na estrada AC-445 en Estorde, no concello de Cee, no treito coincidente co camiño de Fisterra

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2022.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade avanza nas obras de mellora da seguridade viaria na estrada AC-445 en Estorde, no concello de Cee, no treito coincidente co Camiño de Fisterra, co fin de favorecer o tránsito seguro dos peregrinos.

 

A actuación, que comezou en febreiro, desenvólvese no tramo desta ruta do Camiño de Santiago que cruza esta vía autonómica, entre os puntos quilométricos 5+260 e 6+053.

 

A intervención consiste no acondicionamento deste tramo, coa execución dunha senda que suma un total de 631 metros de lonxitude e a condución de pluviais mediante 84 metros de tubaxe.

Completarase coa mellora da sinalización, coa disposición de novos sinais reflectores e con indicacións relativas ao Camiño de Santiago.

 

Estas obras teñen como obxectivo reforzar a seguridade dos usuarios máis vulnerables das estradas, como son os peregrinos.

 

A intervención, cun investimento de máis de 86.000 euros, está incluída nas 70 actuacións que a Xunta executa nas vías autonómicas para reforzar a seguridade nas confluencias cos Camiños de Santiago, cun orzamento conxunto de 1,4 millóns de euros.

 

O Executivo autonómico segue traballando para favorecer a mobilidade, a comodidade e a experiencia dos peregrinos para atender a maior afluencia que se espera este ano, cando o Xacobeo se prevé máis intenso.