Inicio / Noticias / A Xunta avanza nos traballos do conxunto intermodal de Pontevedra co fin de iniciar as obras en 2019, cun investimento de 5,5 millóns de euros

A Xunta avanza nos traballos do conxunto intermodal de Pontevedra co fin de iniciar as obras en 2019, cun investimento de 5,5 millóns de euros

13/09/2018 - 04:44
A Xunta avanza nos traballos do conxunto intermodal de Pontevedra co fin de iniciar as obras en 2019, cun investimento de 5,5 millóns de euros

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2018.- A Xunta avanza nos traballos do conxunto intermodal de Pontevedra coa fin de iniciar as obras en 2019, cun investimento de 5,5 millóns de euros. O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, detallou hoxe no Parlamento os pasos do seu departamento para avanzar na modernización destas infraestruturas estratéxicas e prioritarias para o Goberno galego.

Ignacio Maestro remontouse á xuntanza celebrada en febreiro de 2017 polo vicepresidente da Xunta, a Conselleira de Infraestruturas e Vivenda e o alcalde da cidade, para facer un repaso pormenorizado da moita xestión e amplo traballo feito desde o Goberno galego. E lembrou que na liña de colaboración necesaria co Concello de Pontevedra en agosto dese mesmo ano asinouse o convenio marco para a desenvolvemento da mellora das instalacións da estación de autobuses e a mellora da intermodalidade en Pontevedra, así como do tránsito de autobuses e peóns na contorna da estación de autobuses.

Mediante este convenio a Xunta asumiu o compromiso da redacción dos proxectos necesarios para a execución das obras, traballo acometido entre o último cuadrimestre do ano 2017 e principios deste mesmo ano. Tempo, indicou, no que se redactaron os pregos e licitaron e adxudicaron os contratos de servizos, para a redacción do proxecto construtivo da adecuación para a intermodalidade e para a redacción do proxecto para a reforma da estación de autobuses.

Adiantou que o resultado destes contratos e o traballo dos últimos meses permite ter xa un deseño definido e completo do complexo intermodal da cidade de Pontevedra, cuxos proxectos están a piques de rematar. E destacou entre as actuacións proxectadas a remodelación completa da estación de autobuses, o vínculo peonil a través dunha pasarela. entre a dársena da terminal de autobuses e a estación de ferrocarril, o novo acceso á estación de autobús sobre o río Gafos a través da rúa Josefina Arruti. E a integración do conxunto intermodal no seu contorno, coa recuperación de espazos verdes e a posta en valor do contorno do río Gafos.

Unha serie de actuacións, remarcou, coordinadas e complementarias que segundo subliñou permitirán a humanización do espazo para lograr un conxunto intermodal da cidade de de Pontevedra, máis humano, pensado para as persoas.

Precisou que as obras do conxunto de infraestruturas, para ás que a Xunta dispón dos fondos necesarios grazas a unha importante xestión ante a Unión Europea, suporán un investimento de 5,2 M de euros -que se eleva ata os case 5,5 M de euros ao ter en conta as asistencias técnicas necesarias-, dos que máis de 4 millóns serán achegados pola Xunta e aproximadamente 1 millón de euros polo Concello.

Salientou que o seguinte paso pasa por asinar un novo convenio co concello, que concrete os parámetros de desenvolvemento de todos estes traballos e que ratifique os compromisos xa asumidos po ambas administracións. Ao tempo desde Mobilidade se está a manter reunións periódicas cos responsables de Adif, para coordinar a parte de conexión peonil coa estación ferroviaria.

Concluíu informando que, ao tempo que se avanza no deseño e se ultiman os proxectos se está tamén adianta na tramitación administrativa, tendo xa trasladado un borrador de texto de convenio ao concello para poder asinalo canto antes e posibilitar así a licitación das obras, e cumprir o obxectivo de iniciar as obras do conxunto intermodal da cidade de Pontevedra no 2019.