Inicio / Noticias / A Xunta avanza o próximo inicio das expropiacións necesarias para executar o vindeiro ano as obras de mellora da seguridade viaria na PO-308 entre Covelo e Raxó, en Poio
19/10/2017 - 06:05

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2017.- A director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, avanzou hoxe o próximo inicio das expropiacións necesarias para executar o vindeiro ano, 2018, as obras de mellora da seguridade viaria na PO-308 entre Covelo e Raxó, no Concello de Poio. En resposta a unha pregunta parlamentaria, Menéndez concretou que será unha actuación integral que comprenderá 4 quilómetros da vía, construíndo unha senda peonil e ciclista desde a travesía de Samieira ata o final da travesía de Raxó.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas explicou que o Goberno galego, no marco do Plan de sendas de Galicia para a comarca de Pontevedra, prevé executar dúas novas actuacións nesta estrada no municipio de Poio, concretamente entre Fontenla e Combarro e entre Combarro, Chancelas e Samieira.

Ademais, espuxo que a Xunta está a actuar tamén na mellora desta estrada ao seu paso polo Concello de Sanxenxo, investindo 6.5 millóns de euros na construción dun itinerario peonil e ciclista entre Portonovo e a Lanzada, que se está a executar en tres fases.

Estas actuacións mellorarán a seguridade viaria na PO-308, sumando máis de 15 quilómetros de novas sendas nesta estrada, destacou o director da Axencia Galega de Infraestruturas, quen apuntou que o Goberno galego está a actuar “dun modo inédito nesta estrada.

Por outra banda informou de que o Goberno galego mantén unha liña de colaboración coas autoridades en materia de tráfico como coa Federación Galega de Ciclismo, coa fin de atender as necesiades deste colectivo vulnerable nas obras de seguridade viaria. Ademais, sinalou que con esta Federación a Xunta asinou dous convenios para establecer as bases de colaboración en accións de fomento da seguridade viaria dos ciclistas, con especial incidencia na mellora da súa visibilidade, para reforzar a sensibilización repartíronse 1.300 chalecos reflectantes entre ciclistas deportivos. O responsable da AXI tamén destacou outras accións como o estudo da sinalización de dúas novas rutas frecuentadas por ciclistas en cada provincia, nas que ademais haberá unha presenza máis intensa da Garda Civil para disuadir de comportamentos que poidan poñer en risco aos ciclistas.

Estrada AC-305

O director da AXI tamén se referiu hoxe no eido da Comisión 2ª á mellora da seguridade viaria na estrada AC-305 no Concello de Boiro, á que se referiu como unha prioridade para a Xunta, como se demostra coa execución dunha senda ou co investimento levado a cabo no ano 2016 de case 678.000 euros para mellora do firme desta estrada.

Coa obra reparáronse as zonas que presentaban deterioros ao longo da estrada, e mellorarase a capa de rodadura, actuando na totalidade do ancho da calzada entre Ponte Beluso e Cespón, na travesía de Boiro, na travesía de Escarabote, á entrada á travesía da Pobra do Caramiñal e na travesía de Ribeira.

Francisco Menéndez insistiu que seguiranse atendendo as necesidades desta estrada coa mesma intensidade que demostran as dúas recentes actuacións e subliñou que a estrada é unha oportunidade polo cambio de intensidade de uso que supuxo a posta en servizo da Autovía do Barbanza, polo que a Axencia Galega de Infraestruturas vai traballar nunha proposta de intervención que responda a este cambio de carácter da estrada.