Inicio / Noticias / A Xunta avanza que este mesmo ano licitará as obras da estación de autobuses intermodal de Vigo tras desbloquear o problema urbanístico e facilitar o inicio da execución do Vialia
05/11/2018 - 09:20
A Xunta avanza que este mesmo ano licitará as obras da estación de autobuses intermodal de Vigo tras desbloquear o problema urbanístico e facilitar o inicio da execución do Vialia

Madrid, 5 de novembro de 2018.- A Xunta de Galicia avanzou hoxe que este mesmo ano licitará as obras da estación de autobuses intermodal de Vigo tras desbloquear o problema urbanístico e facer así posible o inicio da execución do centro Vialia. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantivo hoxe unha reunión coa presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, na que abordaron conxuntamente os progresos nesta infraestrutura estratéxica para a cidade.

A conselleira de Infraestruturas lembrou que o pasado 4 de outubro o Consello da Xunta autorizou o proxecto conxunto da intermodal de Vigo, composto pola estación de ferrocarril, o centro comercial, a nova terminal de autobuses e os accesos ao complexo. Esta aprobación, acadada ao abeiro da Lei autonómica 3/2016 de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou excepcional, fixo posible desenvolver a o conxunto de actuacións que se mantiñan bloqueadas pola anulación xudicial do PXOM de Vigo.

Unha vez conseguida esa autorización urbanística da Xunta, ademais do inicio do Centro Vialia, é posible licitar as obras da nova estación de autobuses intermodal, que a Xunta sacará a concurso público por case 16 millóns de euros.

A licitación incluirá a nova estación de autobuses e a parte dos accesos e dos túneles que chegan ata a mesma, cun prazo de execución total de 24 meses.

Na xuntanza de hoxe, a Xunta, o Concello de Vigo e o Adif concretaron a coordinación dos traballos necesaria para sincronizar a execución da estación de autobuses coa do centro Vialia e dos accesos, que financian conxuntamente as tres administracións.

A execución da estación de autobuses ao carón do centro Vialia e da estación de ferrocarril permitirá aos usuarios o cambio de transporte dun xeito máis rápido e cómodo, a través dunha zona habilitada especialmente, de xeito seguro e adaptado para as persoas con mobilidade reducida.

Ademais, en harmonía cos proxectos das estacións, e grazas á aprobación do proxecto integrador, executaranse os accesos de forma independente a cada edificio e evitarase mesturar esta tipo de tráfico co procedente do centro urbano.

Por outra parte, tamén se acondicionará a praza de acceso que estará dotada de zona de taxis, kiss&ride e cunha entrada e saída directas dos autobuses á zona de dársenas.