Inicio / Noticias / A Xunta colabora co Concello de Trazo na construción dunha senda entre Chaián e a Polveira, que facilitará os desprazamentos cotiás dos veciños e o acceso á praia fluvial
25/02/2019 - 07:27
A Xunta colabora co Concello de Trazo na construción dunha senda entre Chaián e a Polveira, que facilitará os desprazamentos cotiás dos veciños e o acceso á praia fluvial

Trazo (A Coruña), 25 de febreiro de 2019.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, supervisou esta tarde as obras da senda peonil e ciclista entre Chaián e A Polveira, en Trazo, que facilitará os desprazamentos cotiás dos veciños e o acceso á praia fluvial.

A senda que se está a construír, de 700 metros de lonxitude, prolonga a xa existente no tramo da estrada comprendido entre o límite dos concellos de Trazo e Santiago e o acceso á praia fluvial.

Esta novo itinerario, froito do convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello de Trazo, xa se atopa a case o 70 % da súa execución total e conta cun investimento autonómico duns 150.000 euros.

O itinerario mellorará a mobilidade dos veciños, xa que na Polveira se atopan a igrexa, o cemiterio ou a escola unitaria e no Porto se ubica a praia fluvial de Chaián, no río Tambre, moi concorrida durante todo o ano, pola ampla zona de esparexemento que ten.

O proxecto tamén contempla a colocación baixo a senda de redes de drenaxe e abastecemento, e unha canalización para a instalación de iluminación nun futuro. Ademais, ampliarase a estrada na marxe oposta á senda, incrementando a súa beiravía para que a circulación sexa máis cómoda e segura.

O Executivo autonómico continúa a traballar na colaboración cos concellos galegos para dotalos de infraestruturas que melloren a calidade de vida dos cidadáns e fomenten o desenvolvemento económico e social.