Inicio / Noticias / A Xunta colabora na mellora dos locais sociais das asociacións de veciños San Xorxe de Cereixo e Santa Eulalia de Matalobos no Concello da Estrada
03/06/2022 - 04:26
A Xunta colabora na mellora dos locais sociais das asociacións de veciños San Xorxe de Cereixo e Santa Eulalia de Matalobos no Concello da Estrada

A Estrada (Pontevedra), 3 de xuño de 2022 A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, visitou hoxe as actuacións levadas a cabo no Concello da Estrada ao abeiro do plan específico de acción comunitaria destinado a asociacións de veciños. En concreto, Natalia Prieto comprobou as melloras que se levaron a cabo nos locais sociais das asociacións de veciños San Xorxe de Cereixo e Santa Eulalia de Matalobos.

No caso de San Xorxe de Cereixo, a entidade veciñal recibiu da Xunta unha achega de 12.000 euros para acondicionamento e equipamento do local social no que realizan actividades en beneficio da comunidade de veciños. Trátase dunha edificación construída hai máis de 60 anos situada no adro da igrexa de San Xorxe de Cereixo que presentaba, pola súa antigüidade, deficiencias importantes que obrigaron a reparar a fachada, arranxar a cuberta para evitar as filtracións de auga e eliminar as barreiras de acceso, actuacións que se levaron a cabo coa achega do Goberno galego.

A asociación de veciños Santa Eulalia de Matalobos, pola súa banda, solicitou tamén unha axuda ao abeiro da orde de acción comunitaria para levar a cabo diversas melloras no local social que empregan no baixo do campo da festa, onde se reúnen os veciños para actividades de baile, ximnasia, confraternización de maiores e visionado de películas, entre outras iniciativas. O espazo presentaba problemas de climatización e filtrado de auga, polo que se facía necesario cambiar as fiestras e a cuberta, ademais de pintar a fachada. Cunha achega de máis de 13.200 euros da Dirección Xeral de Administración Local, non só puideron levar a cabo estas melloras senón que ampliaron tamén o equipamento e mobiliario do local.

Natalia Prieto recordou que a orde de acción comunitaria incrementou este ano o seu orzamento nun 20% con respecto ao 2021, ata acadar os 3 millóns de euros. A mellora encádrase na aposta da Xunta polo asociacionismo veciñal e a xestión conxunta de bens e servizos por parte da poboación galega.

A orde de subvencións inclúese no plan específico de acción comunitaria, destinado a asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia.

Os investimentos van destinados ao acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais e á compra de equipamentos básicos para o seu funcionamento, como mobiliario, equipos informáticos e audiovisuais ou material non básico específico para levar a cabo determinadas actividades. Ademais, son subvencionables proxectos de mellora, reforma e reparación das instalacións das traídas de auga promovidas por comunidades de usuarios de augas para garantir o abastecemento.

A orde de acción comunitaria é unha das liñas abertas polo Goberno galego para cooperar cos concellos na mellora da calidade de vida dos veciños. No caso da Estrada, o municipio beneficiouse nos últimos anos de achegas por valor de case 1,4 millóns de euros para a mellora das infraestruturas, a posta en marcha de servizos municipais e accións en favor do medio ambiente.