Inicio / Noticias / A Xunta comeza as obras de instalación de novo peitoril na Ponte Vella da estrada AC-550 en Noia
14/09/2021 - 13:20
A Xunta comeza as obras de instalación de novo peitoril na Ponte Vella da estrada AC-550 en Noia

Santiago de Compostela, 14 setembro de 2021.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade comezou as obras para a instalación de novo peitoril na ponte vella da estrada autonómica AC-550, ao seu paso polo concello de Noia.

Estas obras, cun investimento autonómico de máis de 48.000 euros, terán un prazo de execución estimado de 1 mes.

A actuación consiste na substitución do elemento de contención de vehículos nesta ponte situada no punto quilométrico 73+200 da vía autonómica, que na actualidade conta cunha barreira soportada por uns perfís metálicos.

Deste xeito, as obras comprenden a desmontaxe e retirada do actual sistema de contención e a instalación dunha nova barreira para contención dos vehículos, de xeito que quede protexido o tráfico de peóns que circula pola beirarrúa.

Os traballos impulsados polo departamento que dirixe Ethel Vázquez suporán, ademais, unha mellora estética nunha zona moi transitada e sensible desde o punto de vista patrimonial e natural.

A Xunta continúa traballando no mantemento das estradas autonómicas co obxectivo de reforzar a seguridade viaria.