Inicio / Noticias / A Xunta comezará este luns novos traballos de limpeza nas marxes de tres estradas autonómicas nas provincias de Lugo e de Pontevedra
19/09/2021 - 13:15
A Xunta comezará este luns novos traballos de limpeza nas marxes de tres estradas autonómicas nas provincias de Lugo e de Pontevedra

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2021.- A Xunta comeza este luns novas tarefas de limpeza nas marxes de tres estradas autonómicas nas provincias de Lugo e de Pontevedra.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade renovou a encomenda á empresa pública Seaga para a realización de tarefas de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas das catro provincias, de cara á prevención de lumes e o reforzo da seguridade viaria, ás que destina un investimento de preto de 1,5 millóns de euros.

No marco destas actuacións, esta vindeira semana iniciaranse estes traballos na vía autonómica LU-642, no Incio e en Sarria; e na LU-612, en Lugo e en Portomarín. Tamén comezarán na variante de Vilagarcía VG- 4.7, ao seu paso por Vilagarcía de Arousa e Caldas de Reis.

Ademais proseguirán as tarefas en execución na vía de altas prestacións CG-2.2, en Lugo e Sarria; e na estrada PO-531 en Vilanova de Arousa, Meis, Barro e Pontevedra.

Conservación e seguridade viaria

Estas actuacións completan as que a Xunta realiza ao longo do ano mediante os servizos ordinarios de conservación de estradas. Así, impúlsase a roza de vexetación de dominio público das estradas autonómicas e o apoio aos labores de conservación de zonas verdes en sendas peonís e glorietas.

As tarefas contribúen á prevención dos lumes, ao eliminar especies pirófilas como o piñeiro, o eucalipto ou a acacia nas marxes das vías de titularidade da Xunta. Dáse así cumprimento á Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, que recolle o obxectivo da rotura da continuidade horizontal e vertical da biomasa, de modo que as estradas actúen con efecto “cortalumes”.

O control da vexetación tamén supón a mellora da seguridade viaria. Os traballos proxectados eliminarán árbores que poderían caer á calzada en caso de temporal e evitarán que invadan as beiravías ou beirarrúas, facilitando o tránsito de peóns e ciclistas. Ademais, serve para aumentar a visibilidade dos usuarios e consegue o efecto de afastar da estrada animais como xabarís ou corzos.

Este contrato tamén posibilitará dar cumprimento ao acordo do Pleno do Parlamento de Galicia do 25 de setembro de 2019, polo que se insta ás administracións públicas a impulsar unha redución progresiva do uso de herbicidas nas marxes das estradas.O departamento que dirixe Ethel Vázquez intensificou nos últimos anos as accións de prevención de lumes nas marxes das estradas autonómicas, engadindo aos medios da súa conservación ordinaria un reforzo con encomendas á empresa pública Seaga. Con esta nova encomenda, desde o ano 2018 o Goberno galego leva investidos 6,8 M€ nas actuacións de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas.