Inicio / Noticias / A Xunta comezou as obras de mellora do firme en seis estradas da contorna de Santiago cun investimento de máis de 1,1 millóns euros
26/07/2018 - 04:06
A Xunta comezou as obras de mellora do firme en seis estradas da contorna de Santiago cun investimento de máis de 1,1 millóns euros

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2018.- A Axencia Galega de Infraestruturas está a desenvolver no entorno de Santiago dous proxectos de obras nos que se van investir máis de 1.157.000 euros para mellorar o firme de seis estradas autonómicas. O primeiro deses proxectos, cun orzamento de execución de 577.000 euros, beneficia ás estradas AC-261, que une o concello de Boqueixón coa cidade de Santiago, a través dos barrios de Sar e Aríns, a AC-841 de Pontevea (Teo) a Santiago, a AC-300 da Picaraña (Padrón) a Os Ánxeles (Brión) e a AC-308 entre Augasantas (Rois) e Lousame.

O segundo proxecto actúa nas estradas AC-544 entre Bertamiráns (Ames) e Negreira, que tamén discorre polos municipios de Brión e A Baña, e na AC-453 entre as localidades de Quintáns e Covas, en Ames. Conta cun orzamento de preto de 580.000 euros. Ambos proxectos contan cun prazo de execución de seis meses.

O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe en Ames o desenvolvemento dos traballos e destacou que “a Consellería de Infraestruturas e Vivenda persegue dous obxectivos a través destes proxectos, dunha banda lograr que a rehabilitación do firme permita prolongar a vida útil do pavimento das estradas e, pola outra, incrementar a seguridade viaria para condutores e peóns”. Se ben cada unha das actuacións ten as súas propias particularidades, en xeral os proxectos buscan mellorar as condicións de confort e comodidade mediante o reforzo localizado do firme das estradas. Realizaranse microaglomerados en zonas que presenten fisuras e non estean deformados. Para os tramos máis deteriorados fresarase o asfalto actual para a súa total substitución. Ademais tamén se reforzará cunha nova capa asfáltica os tramos con máis tráfico.

Os proxectos tamén contemplan a mellora na drenaxe en varios puntos, mediante a construción de cunetas de seguridade, a instalación de barreiras metálicas en puntos de risco así como a reposición da sinalización horizontal e vertical que se atope deteriorada.