Inicio / Noticias / A Xunta completa o reforzo da sinalización de acceso á Variante de Aradas no 'periférico' de Santiago
05/11/2019 - 02:22
A Xunta completa o reforzo da sinalización de acceso á Variante de Aradas no 'periférico' de Santiago

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2019.- A Xunta vén de completar o reforzo da sinalización da Variante de Aradas, na SC-20, tamén coñecida como o periférico de Santiago.

O departamento de Infraestruturas da Xunta remata así os traballos iniciados o pasado 18 de setembro de instalación desta nova sinalización, que indica o acceso á Variante de Aradas desde as vías do Polígono do Tambre, a estrada N-550 e a SC-20.

A Xunta investiu máis de 27.000 euros na instalación da nova cartelería, que foi solicitada pola Asociación de Empresarios do polígono do Tambre para facilitar a entrada a esta vía de altas prestacións posta en servizo pola Administración autonómica o pasado febreiro.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade puxo en servizo o pasado mes de febreiro esta vía de altas prestacións tras un investimento de 7 millóns de euros, coa fin de mellorar a conexión da zona industrial de Compostela con Santa Comba e Carballo.

A nova sinalización pretende facilitar o acceso dos vehículos á Variante de Aradas, que ten, ademais, a función de liberar os barrios do Romaño, Vista Alegre e Vite do paso de 4.000 vehículos ao día, a metade deles pesados.