Inicio / Noticias / A Xunta conclúe a construcción da estación de autobuses intermodal de Urzaiz e reclama ao Concello que remate os accesos para que entre en funcionamento
10/06/2022 - 03:26
A Xunta conclúe a construcción da estación de autobuses intermodal de Urzaiz e reclama ao Concello que remate os accesos para que entre en funcionamento

Vigo, 10 de xuño de 2022 A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, presidiu este venres a recepción oficial da nova estación de autobuses intermodal de Urzaiz e realizou un percorrido polas instalacións xa rematadas. A Administración autonómica recibiu a infraestrutura unha vez concluídos todos os traballos tanto no interior da estación como no exterior e nos túneles de acceso.

 

“Hoxe temos o pracer de celebrar este acto oficial de recepción da nova estación intermodal de Vigo, unha infraestrutura que permitirá aos usuarios embarcar no centro de Vigo e conectarse directamente co transporte ferroviario”, sinalou a representante autonómica durante a súa intervención ante os medios de comunicación.

Fernández-Tapias supervisou o estado final da obra e subliñou que a terminal e os accesos que executa a Xunta, cun investimento global de 18M€, permitirán albergar 2 millóns de usuarios ao ano e 500 expedicións de autobús, sendo o principal nó de viaxeiros do sur de Galicia.

 

Non obstante, puntualizou que por mor do atraso das actuacións do Concello, a estación intermodal non poderá entrar en funcionamento. “Seguen a falar de terras contaminadas e xa non sei se agora darán outra escusa, pero como poden ver a zona de construción é a mesma para as dúas administracións e nós tivemos as mesmas terras contaminadas que eles”, sinalou.

Estación de autobuses

Fernández-Tapias concretou que a Xunta aproveitou ao máximo o espazo dispoñible para construír esta terminal que ocupa máis de 6.700 m², constando dunha planta superior que alberga a plataforma que acollerá 30 dársenas, e dun andar inferior que inclúe o edificio de servizos ao viaxeiro.

A plataforma de dársenas sitúase á cota da praza da Estación e os andeis centrais van cubertos cunha marquesiña perimetral de máis de 2.200 m², que se desprega desde o patio central.

Accesos

A delegada territorial apuntou que a estación conta con dous accesos, un desde a praza da Estación, polo que chegará o 35% do tráfico, como os autobuses do Porriño, Redondela e Baiona. Este acceso poderá estar operativo cando se remate a terminal, dado que esta praza, que executa o Concello pero é cofinanciada pola Xunta, está acabada. Sinalou que o segundo acceso, desde a AP-9, é parte dos traballos da Xunta, pero o entronque coa autoestrada, fundamental para a posta en servizo da estación, é a obra que está a executar o Concello. Por este acceso entrarán os autobuses procedentes da zona norte, que representan a maior parte do tráfico da estación, o 65% do total.