Inicio / Noticias / A Xunta conclúe as obras de mellora da seguridade viaria e da mobilidade na estrada autonómica OU-193 no Casal, no concello de Cortegada
06/06/2022 - 04:19
A Xunta conclúe as obras de mellora da seguridade viaria e da mobilidade na estrada autonómica OU-193 no Casal, no concello de Cortegada

Ourense, 06 de xuño de 2022 O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, supervisou esta mañá, acompañado do alcalde Avelino Luís de Francisco, o remate das obras de mellora da seguridade viaria e da mobilidade coa execución de novas beirarrúas na estrada autonómica OU-193 no Casal, no concello de Cortegada, nas que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade investiu preto de 49.000 euros.

Gabriel Alén subliñou que a Xunta continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlle aos cidadáns unhas estradas eficientes e seguras.

O delegado territorial explicou que o obxectivo foi o de mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade mediante a execución dun novo tramo de beirarrúa de 10 metros de lonxitude entre os puntos quilométricos 0+560 e 0+570 que conectase coas beirarrúas existentes; e unha senda-cuneta de 215 m de lonxitude entre os puntos quilométricos 0+605 e 0+820.

En ambos os casos pola marxe esquerda da estrada e dentro da franxa de dominio público, polo que non foi necesario efectuar expropiacións.

Para executar o treito de beirarrúa ampliouse o desmonte existente dentro do dominio público da estrada, con pavimento de formigón armado de 15 cm. de espesor e bordo de formigón elevado.

O treito de senda–cuneta dispúxose desde o pk 0+605 ata o acceso do pk 0+820. É cuneta transitable, cunha anchura de 2,00 m e con pavimento de formigón armado. Para alcanzar esta anchura, nalgúns tramos concretos foi necesario retaluzar os desmontes existentes gañando o espazo necesario dentro da franxa de dominio público da estrada.

Baixo ambos os treitos de beirarrúa e senda-cuneta proxectouse un colector de drenaxe de PVC de diámetro 315 mm, con sumidoiros e pozos de rexistro, e aproveitouse a construción da beirarrúa para executar a obra civil de canalización de iluminación, dispoñendo un prisma de 2 tubos de polietileno de diámetro 90 cm. e arquetas de rexistro.