Inicio / Noticias / A Xunta constata que o avance con seguridade nas obras do centro de saúde da Estrada, no que inviste 4,6 M€, permitirá que estea ao servizo dos veciños no verán
27/04/2020 - 03:30
A Xunta constata que o avance con seguridade nas obras do centro de saúde da Estrada, no que inviste 4,6 M€, permitirá que estea ao servizo dos veciños no verán

Santiago, 27 de abril de 2020.- A Xunta constata que o avance con seguridade nas obras do centro de saúde da Estrada, no que inviste 4,6 millóns de euros, permitirá que estea ao servizo dos veciños no verán.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, mantivo hoxe unha videoconferencia co alcalde da Estrada, José López, e co equipo responsable do proxecto para avaliar a evolución dos traballos e as medidas de protección sanitaria adoptadas por mor do COVID-19.

As obras deste centro de saúde reiniciáronse a mediados de mes tras a súa interrupción polo cese xeral de actividades non esenciais. Neste sentido, no encontro constatouse que os traballos se están a realizar coas necesarias medidas para evitar contaxios.

No que se refire ao avance do proxecto, a conselleira concretou que as obras progresan a bo ritmo e xa acadan o 75 % da súa execución total.

Trátase dun novo centro de saúde, sobre unha parcela de máis de 4.000 m², que contará con 3 andares, ademais de soto, cuxo acceso principal se realizará a través dunha praza exterior. Tamén disporá dun acceso de ambulancias baixo teito.O edificio albergará consultas de medicina xeral, de enfermería, matrona, área pediátrica, zona de urxencias, sala de toma de mostras, de radioloxía e ecografía, entre outros servizos.

Este novo centro de saúde atenderá unha poboación con case 21.000 tarxetas sanitarias, das que 2.300 corresponden a atención pediátrica.

Ethel Vázquez salientou que darlle continuidade a este proxecto supón manter activo investimento público da Xunta na Estrada e, desa forma, garantir os 30 postos de traballo directos que están asociados á execución desta actuación.

Subliñou a aposta pola sanidade pública que vén realizando a Xunta, que reactivou nas últimas semanas infraestruturas sanitarias cun investimento de 90 millóns de euros e autorizou a licitación da 1ª fase do Hospital de Montecelo, en Pontevedra, por 115 millóns.Concretou que co levantamento das restricións se retomaron as obras nunha decena de centros de saúde como o da Estrada, Milladoiro, Narón, Bouzas, Pereiro de Aguiar, Melide, Salceda de Caselas, Paderne de Allariz ou o do Barrio da Residencia, en Lugo.

Ademais a conselleira salientou, xunto a estes centros de saúde, a reactivación das obras de reforma e ampliación dos hospitais da Costa e de Ferrol.