Inicio / Noticias / A Xunta constata que as obras do conxunto intermodal de Pontevedra avanzan con seguridade e ao ritmo necesario para manter o seu remate este ano
29/04/2020 - 03:33
A Xunta constata que as obras do conxunto intermodal de Pontevedra avanzan con seguridade e ao ritmo necesario para manter o seu remate este ano

Santiago, 29 de abril de 2020.- A Xunta constata que as obras do conxunto intermodal de Pontevedra avanzan con seguridade e ao ritmo necesario para manter o seu remate este ano.
A conselleira Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantivo unha videoconferencia co equipo responsable das obras para supervisar o avance dos traballos, do que tamén se informou ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

No encontro constatouse que as actuacións, reiniciadas o pasado día 15 tras a interrupción motivada polo cese xeral das actividades non esenciais, se están a realizar coas necesarias medidas de protección da saúde dos profesionais para evitar contaxios.

Ethel Vázquez subliñou que a execución deste proxecto supón manter activo un investimento público de 6 millóns de euros, 4,6 achegados pola Xunta, que implica uns 100 postos de traballo.

O progreso destes traballos permitirá que os veciños de Pontevedra poidan desfrutar este mesmo ano dunha actuación que facilita os seus desprazamentos, crea novos espazos urbanos de calidade e contribúe a facer cidade.

O obxectivo deste proxecto estratéxico é converter as dúas estacións que están moi próximas, a de autobuses e a de tren, nun gran conxunto intermodal para a cidade.

Para iso, estanse a desenvolver dúas actuacións de xeito paralelo. Por unha parte, estase a executar un novo itinerario peonil entre ambas as estacións, para garantir a intermodalidade e lograr que a conexión sexa máis sinxela e segura.

Este proxecto tamén recolle a humanización da praza fronte á estación, a reordenación do aparcadoiro, o novo acceso de autobuses desde a rúa Josefina Arruti e a recuperación e posta en valor do contorno do río Gafos.

Paralelamente tamén se está a levar a cabo a remodelación integral da estación de autobuses, coa renovación da fachada, cuberta, interiores e a mellora das instalacións.

A conselleira precisou que no que respecta á estación de autobuses, os traballos van a bo ritmo. Estase avanzando na demolición do recrecido para adaptar as novas pendentes da cuberta, na instalación eléctrica e na tabiquería no vestíbulo principal.

Tamén se está a traballar no exterior da estación, onde está executado o movemento de terras da praza e xa con capa de formigón na zona máis próxima á estación de tren. Ademais, contra o río Gafos demoléronse muros e estase a preparar o terreo onde vai a pasarela de madeira, para crear un novo espazo de gran valor ambiental.