Inicio / Noticias / A Xunta construirá unha senda na contorna do centro de control da AG-55 en Nantón, no concello de Cabana de Bergantiños
22/09/2022 - 03:00
A Xunta construirá unha senda na contorna do centro de control da AG-55 en Nantón, no concello de Cabana de Bergantiños

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2022 A Xunta habilitará unha nova senda peonil na AC-552 na contorna do centro de control da autovía AG-55, ao paso pola parroquia de Nantón, no concello de Cabana de Bergantiños.

 

Estas obras foron adxudicadas á empresa Excavaciones Pose, S.L., por un importe de preto de 50.000 euros e comezarán nas vindeiras semanas.

 

Con esta actuación executarase unha senda de uso fundamentalmente peonil na marxe esquerda da estrada AC-552, entre os puntos quilométricos 48+120 e o 48+405, que dará servizo aos operarios do centro de control da AG-55 e aos veciños dos núcleos de Cazón, Camafreita e Denellón.

 

Mediante esta intervención tamén se conectarán as vivendas que están paralelas á AC-552, onde actualmente os peóns circulan pola beiravía ao non dispor de sendas na marxe da estrada.

 

O novo itinerario terá preto de 300 metros de lonxitude cunha anchura media de 1,80 metros. Será de base de saburra artificial, de 10 centímetros de espesor, que servirá de soporte ao pavimento da senda, e de cor terrizo natural.

 

Na actuación, entre o punto 48+200 e o 48+276 a cota da senda será inferior á da estrada para adaptarse ás entradas existentes.

 

Para a drenaxe da senda, disporase un colector, que conectará coa rede de drenaxe existente e ao que desaugarán unha serie de sumidoiros dispostos ao longo da traza do itinerario. Tamén se executarán pozos de rexistro.

 

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa mellorando a rede viaria autonómica para favorecer os desprazamentos a pé de modo máis cómodo e seguro.