Inicio / Noticias / A Xunta construirá unha senda peonil no treito de Camiño de Santiago na parroquia de Alba de forma complementaria ao proxecto da variante
29/09/2018 - 13:02

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2018.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade construirá unha senda peonil no treito do Camiño de Santiago que transcorre pola parroquia de Alba, de forma complementaria ao proxecto da Variante. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a impulsar dúas actuacións paralelas para mellorar a mobilidade e a seguridade viaria nesta zona do Concello de Pontevedra.

Actualmente estase a avanzar no proxecto construtivo dunha senda peonil no treito da estrada autonómica PO-225 que coinciden co percorrido polo Camiño de Santiago, coa fin de garantir a seguridade viaria de veciños e camiñantes.

Paralelamente, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a avanzar nos documentos técnicos que permitirán dispor o vindeiro ano dun proxecto construtivo para licitar a Variante de Alba sobre un trazado consensuado co Concello de Pontevedra e o Ministerio de Fomento.

Polo tanto, a Xunta está a traballar con intensidade de acordo cun compromiso firme de mellorar a seguridade viaria e a mobilidade na parroquia de Alba.