Inicio / Noticias / A Xunta convida ás principais cidades galegas e ás deputacións provinciais a adherirse á alianza a prol da integración do noroeste peninsular no Corredor Atlántico de Mercadorías
15/03/2018 - 03:29

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2018.- A Xunta convida ás principais cidades galegas e ás deputacións provinciais a sumarse á alianza a prol da integración do Noroeste peninsular no Corredor Atlántico de Mercadorías. A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, ven de dirixirse aos responsables das institucións provinciais e locais para solicita a súa adhesión á “Declaración institucional de apoio e impulso á modificación do Corredor Atlántico de Mercadorías”, asinada o pasado mes de outubro polos gobernos de Galicia, Castela e León e Asturias, nun acto no que participaron as principais forzas políticas e empresariais de Galicia, como mostra de unidade e vontade compartida. A conselleira trasladou tamén esta proposta de unión á asociación transfronteiriza Eixo Atlántico coa finalidade de traballar desde un marco de unidade en defensa dos intereses de Galicia na configuración da Rede transeuropea de transporte de mercadorías. Os esforzos realizados dende a Xunta, sempre baixo a premisa da unidade e da coordinación das tres comunidades autónomas, deron xa como resultado que o Ministerio de Fomento xa teña trasladado esta solicitude aos órganos competentes da Unión Europea. De aí a importancia de seguir acadando apoios doutras administracións, para plasmar unha mensaxe de unidade e vontade compartida ante a UE. A conselleira lembra que, paralelamente, e en colaboración e coordinación coa Fundación Galicia Europa e coa Comisión do Arco Atlántico, desde a Xunta de Galicia se ven mantendo un traballo continuado nesta materia que, nestes momentos, se está a centrar na oportunidade que supón a apertura da consulta pública para avaliar o funcionamento do mecanismo de financiamento para actuacións ferroviarias en corredores europeos, o chamado mecanismo Conecta Europa. Desde a Consellería de Infraestruturas e Vivenda plásmanse así novos pasos de cara a acadar que os territorios do noroeste peninsular se beneficien da inclusión no Corredor Atlántico e incorpore e priorice a conexión ferroviaria do seu actual trazado cos portos marítimos de Vigo, A Coruña, Xixón e Avilés, -a través de Palencia e León. Unha iniciativa que consiste en que o itinerario preferente poida complementarse pola liña de costa entre A Coruña, Avilés e Xixón co actual trazado do Corredor, creando un bucle de conexión dos portos da cornixa atlántica.