Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2023
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, convidou hoxe ao Clúster da Función Loxística de Galicia a continuar traballando conxuntamente para impulsar o Corredor Atlántico e defender as prioridades de Galicia ante o recentemente creado Comisionado do Goberno para esta rede de transporte.
Ethel Vázquez, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, inaugurou esta tarde en Santiago de Compostela a asemblea xeral do Clúster da Función Loxística de Galicia. Salientou a frutífera colaboración entre o Goberno galego e a entidade, a través das mesas de diálogo do transporte por estrada ou o Observatorio de Custos de Transporte de Mercadorías por Estrada, OTRAME, que ofrece útiles funcionalidades para a planificación e funcionamento da loxística.
Lembrou que esta semana se introduciu unha nova actualización do Observatorio para incluír o impacto nos custos do transporte da suba das peaxes das autoestradas estatais e da disolución de urea, de adquisición obrigada para reducir emisións.
No marco desta coordinación, a conselleira avanzou a intención de formalizar un convenio entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e o Clúster para o desenvolvemento da estratexia loxística e de transporte da comunidade autónoma.
Fixo fincapé na importancia de forxar alianzas na defensa dos intereses comúns de Galicia, dos seus cidadáns e dos seus empresarios.
Recordou que Galicia é unha ponte con América latina, fachada atlántica de Europa e polo tanto, precisa de conexións terrestres adecuadas para achegarse ao resto de España e de Europa. Neste sentido, cómpre dar resposta a diversos retos no eido das infraestruturas ferroviarias ou viarias.
No que se refire ás estradas, apuntou que é preciso solucionar problemas conxunturais, da gravidade dos derivados do peche dos viadutos de Pedrafita ou da inadecuada conservación de varios puntos da rede viaria estatal.
Tamén remarcou a necesidade de pór fin ao estancamento das novas conexións viarias dependentes do Estado, como a Autovía da Mariña, a autovía Ourense-Ponferrada.
Engadiu como reto superar problemas de futuro como a escaseza de profesionais do transporte, un posible futuro con peaxes nas autovías ou o avance da dixitalización e a innovación.