Inicio / Noticias / A Xunta convida a manter a unidade en torno ao Corredor Atlántico de Mercadorías e a traballar para que se traduza en investimentos para os portos e as plataformas loxísticas galegas
17/07/2019 - 08:39

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2019.- A Xunta de Galicia convida a manter a unidade en torno ao Corredor Atlántico de Mercadorías e a traballar desa forma para que se traduza en investimentos que melloren a competitividade dos portos e das plataformas loxísticas da Comunidade.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade lembra que o trazado da rede ferroviaria que foi priorizado pola Unión Europea como Rede Básica é exactamente o defendido unanimemente polos gobernos de Galicia, Asturias e Castela e León nunha alianza á que se sumaron as patronais das tres autonomías. Ese trazado entra no Noroeste a través de León e Venta de Baños (Palencia) cara a Monforte, Ourense, Vigo e A Coruña, foi incorporado á Rede Básica europea.

A priorización deste trazado é compatible co mantemento do transporte de mercadorías a través da liña Monforte-A Coruña, que queda categorizada como Rede Global.

O Goberno galego reitera a súa disposición a aclararlle á Confederación de Empresarios da Coruña o que considera un erro de interpretación sobre o Corredor Atlántico, que se mantén nos termos defendidos e acordados conxuntamente ata agora.

Nese sentido, lembra que a incorporación de Galicia e do Noroeste peninsular ao Corredor Atlántico abre a posibilidade de dispor de financiamento europeo para obras como a conexión ferroviaria de Langosteira, tal e como defendeu a conselleira de Infraestruturas ante a Comisión Europea o pasado mes de abril.

A Xunta sinala que o obxectivo agora debe ser que o Ministerio de Fomento presente ese proxecto á convocatoria de fondos da Unión Europea, algo compatible coa mellora da liña A Coruña-Monforte.