Inicio / Noticias / A Xunta convoca aos propietarios dos terreos necesarios para a construción dunha senda na estrada PO-340, en Gondomar e Nigrán, para o levantamento de actas previas á ocupación
27/12/2017 - 13:24

Santiago, 27 de decembro de 2017.- A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se convoca para os vindeiros 17, 18 e 19 de xaneiro aos titulares de terreos afectados pola construción do itinerario peonil e ciclista na estrada PO-340, entre Gondomar e A Ramallosa, nos concellos de Nigrán e Gondomar, para o levantamento de actas previas á ocupación.

Os propietarios de terreos no Concello de Gondomar deberán acudir o 17 de xaneiro ao Centro neural desta localidade, entre as 9.30 e as 13.30 horas; e os titulares de fincas ubicadas en Nigrán, asistirán os días 18 e 19 á Casa do Concello, no mesmo horario. No seguinte enlace ao Diario Oficial de Galicia (DOG) pódese ampliar a información: https://goo.gl/MdKiCJ

O decreto de utilidade pública comprende a expropiación das 63 predios necesarios para a execución desta senda na estrada PO-340, 21 deles situados no concello de Gondomar e os 42 restantes no de Nigrán. Esta actuación foi adxudicada por un importe de 1,6 millóns de euros. A senda, de 3,5 km de lonxitude, construirase pola marxe esquerda da estrada PO-340, comezará no p.q. 17+880, onde rematan as beirarrúas de Gondomar e finalizará no 21+360, conectando coas beirarrúas da Ramallosa, no concello de Nigrán.

A sección tipo que se executará ten un largo aproximado de 2,7 m, consta dunha senda de formigón coloreado de 1,8 m de largo separada da calzada por unha zona axardinada de 0,5 máis os dous bordos de separación nos tramos en que as características da estrada e as edificacións existentes o permiten.

Ademais da senda prevese a mellora de tres interseccións existentes, unha delas a situada no p.q.18+880 coa rúa Vilariño, a carón do IES Escolas Pombal, en que se construirá un cambio de sentido con carril central de espera para facilitar os xiros dos vehículos de transporte escolar. Ademais, implantaranse medidas para incrementar a fluidez do tráfico na contorna das zonas de cruzamento que necesariamente terán que usar principalmente os alumnos do centro educativo.

No cruzamento do p.q. 20+340 coa estrada provincial a Donas, executarase unha glorieta, que aumentará a seguridade dos peóns e ciclistas e facilitará os xiros á esquerda na estrada na contorna dese punto.

No cruzamento do p.q. 20+580 coa estrada da Deputación a Golada, moi próximo ao centro de saúde Val Miñor, recuarase lixeiramente a senda existente pola marxe dereita para mellorar a seguridade dos peóns na intersección.

Esta actuación está enmarcada no Plan de sendas de Galicia, concretamente na comarca de Vigo, para o que proxectan 11 treitos, que foron definidos en 9 proxectos de construción. A Axencia Galega de Infraestruturas executará 12,5 quilómetros de novas sendas nesta bisbarra, cun orzamento que se achega aos 5 millóns de euros, para o que conta co financiamento asegurado ao terse incluído no programa operativo de Galicia dos fondos europeos Feder para o período 2014 -2020.