Inicio / Noticias / A Xunta convoca en abril os titulares de terreos afectados pola implantación dos plans de emerxencia das presas de Caldas de Reis, Eiras, Baiona e O Con para o levantamento de actas previas
12/03/2020 - 04:22

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2020.- A Xunta convoca o vindeiro mes de abril os titulares dos terreos afectados polas obras de implantación dos plans de emerxencia das presas de Caldas de Reis, Eiras, Baiona e O Con, para proceder ao levantamento de actas previas á ocupación.

No Concello de Baiona, os titulares dos bens afectados polo procedemento expropiatorio derivado da execución das obras, deberán acudir o 14 de abril ás 11 horas ao Auditorio Multiusos Ángel Bedriñana.

No Concello de Soutomaior, a data será o 16 abril ás 11 horas na Casa Consistorial; en Vilagarcía de Arousa, o 21 de abril á mesma hora no salón de plenos do Concello; e en Caldas de Reis, o día 23 ás 11 horas no salón de sesións do Concello.

No seguinte enlace pódese consultar a información: https://bit.ly/2W2ZHJv

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade segue a avanzar nas tramitacións dos plans de emerxencia que xa está a executar, cun investimento de máis de 785.000 euros.

As expropiacións son necesarias para completar a instalación nas presas do sistema de aviso acústico á poboación.

A necesidade de implantar o plan de emerxencias é un requisito legal que se elabora en función das potenciais afeccións en caso de rotura ou funcionamento incorrecto.

As presas dos encoros de Caldas de Reis, Eiras, Baiona e o Con están situadas dentro da Demarcación Galicia-Costa e son as únicas de todas as existentes nesta demarcación de titularidade da propia Comunidade Autónoma de Galicia.

A implantación dos Plans de Emerxencia das presas comprende un centro de xestión de emerxencias, un sistema de comunicacións do titular da presa ou balsa cos diferentes organismos implicados na xestión dunha eventual situación de emerxencia, un sistema de aviso á poboación na zona potencialmente afectada na primeira media hora.

Augas de Galicia dispón dun centro de control en Santiago, dende o que se vixía o estado das catro presas. Este centro é o lugar de xestión e toma de decisións dos plans de emerxencia das mesmas, e dispón do sistema necesario para xestionar calquera emerxencia e o telecontrol do equipamento permitindo o seguimento dos indicadores establecidos no plan, a realización de alertas por superación de umbrais, a declaración da situación dos distintos escenarios de emerxencia, e darse o caso o aviso á poboación.

Na instauración destes plans de emerxencia se inclúen o acondicionamento como salas de emerxencia dos catro edificios existentes en cada unha das presas e destinados actualmente á explotación, e a implantación dun sistema de aviso á poboación.