Inicio / Noticias / A Xunta convoca o 16 de maio aos titulares dos terreos afectados polas obras de mellora integral da estrada OU-105, en Seixalbo, para o levantamento de actas previas

A Xunta convoca o 16 de maio aos titulares dos terreos afectados polas obras de mellora integral da estrada OU-105, en Seixalbo, para o levantamento de actas previas

14/04/2018 - 13:31

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2018.- A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria para o 16 de maio dos titulares dos terreos afectados polas obras de mellora integral da estrada OU-105, en Seixalbo, para o levantamento de actas previas.

Os propietarios deberán acudir ao local social da Asociación de Veciños de San Breixo de Seixalbo, desde as 10.30 ata as 11 horas. Para obter máis información pódese consultar o seguinte enlace.

Esta actuación, que contará cun investimento de case 800.000 euros, busca optimizar a circulación de peóns, ciclistas e tráfico rodado e incrementar a seguridade viaria dos veciños. Así, acometerase un proxecto moi completo nun treito de 1,5 quilómetros, entre a zona do tanatorio e onde finalizan as vivendas, baseado na mellora da mobilidade peonil e na reordenación do tráfico.

Levarase a cabo unha actuación no cruce de acceso a Seixalbo, habilitaranse carrís centrais de espera e dotarase a zona de aparcadoiros. As paradas de autobús existentes adecuaranse e recolocaranse despois dos pasos de peóns, para maior seguridade dos peóns. Disporanse pasos de peóns, con semáforos con pulsador e con iluminación específica. Habilitarase un carril para bicicletas e melloraranse e completaranse as beirarrúas.

Esta obra de Seixalbo complementa a outras actuacións da Xunta, importantes para a cidade, tamén relacionadas coa seguridade viaria como a mellora da accesibilidade na avenida Otero Pedrayo, que suporá un investimento de máis de 2 millóns de euros.

A Xunta continúa investindo en seguridade viaria co fin de incrementar a calidade de vida dos veciños e facer cidade.