Inicio / Noticias / A Xunta convoca o día 3 de setembro aos titulares dos terreos necesarios para a execución do itinerario peonil entre Roxos e Aldea Nova co fin de realizar o levantamento de actas previas
07/08/2019 - 04:29

Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria na que se cita para o día 3 de setembro aos titulares dos terreos necesarios para a execución do itinerario peonil e ciclista, entre Roxos e Aldea Nova, para o levantamento de actas previas á ocupación.

Esta intervención na estrada autonómica AC-543 permitirá executar unha senda dunha lonxitude aproximada de 980 metros, desde o tramo comprendido entre á saída de Roxos, no Concello de Santiago e a urbanización Aldea Nova, no Concello de Ames.

O DOG concreta que os propietarios dos terreos terán que presentarse, segundo o seu termo municipal: en Santiago, no Centro Sociocultural Santa Marta, entre as 10:00 h e as 10.30 horas; e en Ames, na Casa do Concello, ás 12.30 horas. No seguinte enlace pode consultarse toda a información: https://bit.ly/2MPPv2a

O itinerario terá dous metros de ancho e será de formigón coloreado, estando separado da calzada por unha zona axardinada de case un metro, salvo en zonas puntuais para reducir a afección, máis os bordos de separación.

Como obras complementarias, instalarase un colector para canalización das augas de drenaxe e de catro tubos en previsión de futuras necesidades de redes de electricidade ou telecomunicacións.

Nesta mesma estrada autonómica AC-543 está xa a disposición dos veciños a senda entre Santiago e Vidán, que dará continuidade ao itinerario peonil e ciclista entre A Barcia e Roxos, e que continúa con este novo entre Roxos e Aldea Nova. A estes itinerarios hai que sumar a outra senda existente no municipio de Brión, entre a urbanización Monte Devesa e ata Aldea Buio.

Deste xeito, cando se rematen estas 4 actuacións haberá 6 novos quilómetros de itinerarios peonís á beira desta estrada que, cun investimento de 2,4 millóns de euros, posibilitarán que os veciños da contorna poidan ir camiñando de modo seguro ao longo de todo o treito comprendido entre Santiago, Bertamiráns e Brión.

Estas intervencións da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade forma parte do Plan de sendas de Galicia e están cofinanciadas polo Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.